CulturaCulturaÚltima hora

A xira de presentación do libro “As Covas de Valdoerras” arranca en Vilamartín

Xa está á venda en "Informática 99" e "Mi mamá me mima", na Rúa na libraría online da Xunta de Galicia

 

O libro As covas de Valdeorras. Unha viaxe subterránea pola arquitectura e a cultura do viño, das ruesas Carina Rodríguez e Cristina de la Torre, inicia unha xira de presentacións que levará a publicación a diferentes lugares de Galicia. A primeira cita era o venres 30 de outubro no Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín, nun acto que contou coa colaboración do Concello de Vilamartín e máis a Asociación de Coveiros e que foi presentado por Silvia Rodríguez, docente e coveira que colaborou coa publicación.

Esta presentación en Vilamartín é a primeira tralo evento do pasado mes de agosto que reuníu no Centro Cultural Avenida da Rúa a preto de 200 persoas e que contou coa presenza de Xose Merelles, director de Turismo de Galicia e impulsor da publicación. Agora, xa cos libros dispoñibles para a súa compra nas librarías da comarca, as autoras inician unha xira de presentacións coa que queren difundir a publicación, conversar coa veciñanza sobre o seu contido e promocionar Valdeorras a través do patrimonio arquitectónico e vitivinícola.

A seguinte parada será o Concello do Barco no mes de novembro nunha data por concretar. O venres 20 de novembro farase unha presentación organizada por Turismo de Galicia no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, coa presenza de Xose Merelles e conducida polo xornalista e divulgador Manuel Gago. Ao día seguinte, sábado 21, a cita será na Coruña, no mercado municipal de San Agustín.

 

 

As covas de Valdeorras é unha publicación encargada por Turismo de Galicia e forma parte da Libraría Institucional da Xunta de Galicia. De feito, na súa web pódese adquirir con envío a calquera punto de España. Tamén poden adquirilo con condicións especiais as librarías interesadas en distribuilo ou telo á venda. En Valdeorras xa está dispoñible en “Informática 99” e “Mi mamá me mima”, ambas na Rúa.

Tal como informan as propias autoras, dende Turismo de Galicia xa traballan na tradución do libro ao castelán para facer chegar esta historia un público máis amplo e telo dispoñible para turistas e peregrinos, moi interesados sempre en publicacións específicas sobre Valdeorras.

Mentras se avanza na súa distribución tamén pode consultarse en todas as bibliotecas da comarca e outros puntos de Galicia, como a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, a onde foi enviado por Turismo de Galicia.

Fotos cedidas.

Back to top button