EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

67 mostras de 28 adegas da D.O. Ribeira Sacra, no “Mondial des Vins Extrêmes”

 

O Mondial des Vins Extrêmes é parte de Vinofed, a Federación Mundial de Grandes Concursos Internacionais de Viños e é o único concurso no mundo expresamente dedicado aos viños producidos pola viticultura heroica. Este certame internacional que organiza o Cervim celébrase o 28 e 29 de setembro no Val de Aosta (Italia). Nas súas catas participarán dous representantes da D.O. Ribeira Sacra e os viños desta denominación tamén estarán presentes nesta cita.

O concurso, que está aberto aos viños producidos en áreas que se caracterizan por ter unha viticultura de montaña ou en forte pendente, constitúe un punto de referencia para os produtores de viño en zonas difíciles.

Os criterios que deben de cumprir as denominacións para que os seus viños participen no certame deben de ser algúns dos seguintes: altitude superior a 500 metros (fóra dos sistemas en altiplano, pendente do terreo superior ao 30% (en puntos da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en terrazas con altitude superior a 500 metros, fóra dos sistemas en altiplano e viñedos cultivados en pequenas illas, tal e como explican dende o seu consello regulador.

A viticultura heroica na D.O. Ribeira Sacra

A D.O. Ribeira Sacra é referente mundial da viticultura heroica, denominación á que se chega por unhas condicións orográficas que non permiten a mecanización, viñedos de pequeno tamaño habitualmente organizados en socalcos; condicións climáticas adversas ou/e porque o viñedo atópase en zonas xeográficas con paisaxes de elevada beleza e con carácter turístico.

As 67 mostras de 28 adegas da D.O. Ribeira Sacra que participan nesta edición do certame entran a concursar nas seguintes categorías: viños brancos tranquilos producidos na vendima 20222; viños brancos tranquilos producidos nas vendimas 2021 e anteriores; viños tintos tranquilos producidos nas vendimas 2021 e 2022; viños tintos tranquilos producidos nas vendimas 2020 e anteriores e viños rosados tranquilos. Non se admiten os viños premiados en anteriores edicións do Mondial des Vins Extrêmes.

Cada viño inscrito no concurso será avaliado por una comisión e os viños seleccionados recibirán:
• Medalla de Prata: de 85 ata 88,99 puntos;
• Medalla de Ouro: de 89 ata 92,99 puntos;
• Gran Medalla de Ouro: de 93 ata 100 puntos.

Artigos relacionados

Back to top button