
Co fin de mellorar o tratamento das augas residuais da localidade valdeorresa de Portomourisco, o Concello de Petín asinaba na mañá do 19 de febreiro un protocolo de colaboración coa Deputación de Ourense e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense. No acto participaban o alcalde petinés, Miguel Bautista, o presidente da CHM, Francisco Marín, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
A obra suporá un investimento de 55.000 euros, que será asumido ao 50% pola Deputación de Ourense e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da CHMS, mentres que o Concello de Petín é o encargado de poñer a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.
Segundo os técnicos, para dar solución á problemática proxectouse a execución dunha zona húmida artificial, conseguindo así o tratamento suficiente dos caudais efluentes antes da súa incorporación ao río, e cuxo mantemento sexa sostible para a economía local.
Manuel Baltar destacaba na súa intervención a colaboración entre as tres administracións para facer “posible esta necesaria actuación medioambiental no núcleo de Portomourisco”, mentres que o presidente da CHMS incidía en que con esta obra “preténdese mellorar a depuración das augas residuais deste núcleo e restaurar o dominio público hidráulico, eliminando a foxa existente que invade a canle, todo iso para mellorar a calidade das augas do río Xares e dar cumprimento aos obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a súa transposición ao noso ordenamento xurídico”. Tamén adiantaba que en Portomourisco a técnica emprega para o saneamento será “innnovadora e de baixo consumo enerxético”.
Pola súa banda o alcalde, Miguel Bautista, aseguraba que esta é “unha obra demandada hai tempo e moi necesaria para o saneamento deste núcleo e tamén para mellorar a calidade das augas do Xares” e agradecía á Deputación de Ourense e á CHMS que sufragasen este proxecto.