“É un proxecto moi interesante, de continuidade e que pretende deixar claro que queremos terminar esta rehabilitación da fortaleza do Castro”. Deste xeiro se refería o alcalde do Barco, Alfredo García, á “Memoria valorada para a rehabilitación integral da fortaleza do Castro” que vén de pasar por comisión de obras e que en breve será remitida aos ministerios de Fomento e Cultura co fin de lograr finanación para poder levar adiante este proxecto.
Tras a rehabilitación e posta en valor da torre do Castro (que se inauguraba o pasado verán e contaba con financiamento do 1% de Fomento), agora preténdese continuar nesta liña con novas intervencións e fases, a primeira das cales será consolidar a muralla e “poñer en valor o que está intramuros”, ademais de facer un camiño natural, segundo adianta o rexidor barquense. Estes traballos incluirán tamén unha escavación arqueolóxica co fin de localizar máis restos de valor. Na memoria estímase que sería necesaria unha inversión de 275.000 euros.
“O Castro é un referente dende un punto de vista histórico e arquitectónico e de reclamo turístico para a comarca de Valdeorras e se queremos potencialo teremos que recuperar todos os valores que posúe”, incide Alfredo García.