
Comida, copas, música e humor. Son varias as apostas coas que Germán Álvarez, ao fronte da cervexería-pub Ruxe Ruxe de Quiroga dende finais de xullo, pretende dinamizar o establecemento hostaleiro, aproveitando á gran terraza (duns 120 metros cadrados) que se presta para todo tipo de eventos.
No apartado gastronómico, no Ruxe Ruxe hai racións, bocadillos, hamburguesas e unha gran variedade de carnes á brasa (o forte do restaurante). E no apartado musical, o local adáptase á demanda dando a oportunidade aos clientes de saborear unha copa ao tempo que escoitan música en directo e mesmo tocan, ou disfrutan dun bo monólogo.
“A idea é organizar foliadas abertas, para que todo aquel músico ou afeccionado que queira poda achegarse ao local e tocar, sobre todo música tradicional, folk… Incluso teño pensado poñer algún instrumento como unhas caixas, batería, teclado… porque nesta zona hai moitos xoves que tocan, máis dos que parece e gustaríame que pouco a pouco se fose creando esa tradición musical, que a xente se reúna, pase un rato, tome unhas copas e toque”, explica Germán.


A primeira pedra poráa coa “Foliada en Quiroga” prevista para o luns 7 de decembro, en plena ponte da Constitución, coas actuacións de Samuel Soto (Quiroga) & Pepe Casal en torno ás 23h. e Os Palletas (grupo de gaitas tamén de Quiroga) unha hora máis tarde. E xa a partires da unha da madrugada, todo aquel que queira e sepa poderá unirse con festa rachada ata altas horas da madrugada. A partires de aí, alomenos unha vez ao mes, organizarán algún encontro deste tipo “pero se a xente se anima igual se pode facer máis a menudo”, di Germán.
A aposta do Ruxe Ruxe, abarca tamén o apartado humorístico coa intención de contar con monologuistas de nivel. O primeiro será o ourensán Sergio Pazos que se achegará ata Quiroga o 18 de decembro co espectáculo “Rebento se non o conto”.