En portadaÚltima horaVídeos

Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) estrea un espectacular parque infantil que inclúe unha tirolina

 

Era un momento especialmente agardado polos máis pequenos do municipio de Carballeda de Valdeorras. Despois de ver como as obras que se desenvolvían durante os últimos catro meses ían mudando por completo o parque onde acostumaban xogar, na tarde deste 3 de outubro, inaugurábase o novo parque infantil de Sobradelo. E os primeiros en pisar sobre el e probar cada un dos seus aparatos e elementos eran precisamente os máis pequenos, acompañados pola alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, e seguidos pola atenta mirada de pais e avós. O parque conta cun completo e variado equipamento: dende os tradicionais bambáns, redes, tobogáns, ou un rocódromo ata a súa “xoia”: unha gran tirolina, ante a que os cativos facían cola desexosos de probala.

 

 

“Os nenos de Carballeda levaban tempo esperando isto e chegou o día”, dicía a alcaldesa, satisfeita ao ver como os cativos desfrutaban desta nova instalación, tras cortar a cinta inaugural no acto. “Creo que é un parque que foi deseñado para distintas idades: para os nenos máis pequenos, para os medianos e mesmo para adolescentes e logo xa para xente maior co elemento da calistenia”, explicaba a rexedora, quen ademais se refería ao mobiliario urbano que se inclúe no parque buscando que,  “tamén os pais e os avós se senten vexan aos seus nenos que o pasan ben, xogan ou fan deporte; de forma que este parque sirva de centro social ao aire libre”.

 

A alcaldesa de Carballeda, María Carmen González.

 

O proxecto de mellora e ampliación deste parque infantil, con instalación deportiva anexa, incluía tamén a adaptación do acceso ao edificio municipal do Centro de Saúde para mellorar a súa accesibilidade e supoñía un investimento total de 158.604,50 euros, dos cales uns 40.000 foron aportados pola Xunta de Galicia.

“Os traballos duraron aproximadamente 4 meses, aproveitamos un pouco a etapa de verán, na que os nenos tiñan a piscina para desfrutar, o Malecón… de cara a ter esta zona pechada para poder realizar a obra. Foi unha obra de renovación case absoluta e levou o seu tempo, pero polo que estamos oíndo e vendo agora mereceu a pena”, resaltaba a alcaldesa mentres os máis pequenos probaban e divertíanse en cada unha das zonas deste espectacular parque.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button