Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima horaVídeos

Suso Vilasánchez: “O BNG vai recuperar a área sanitaria, iso suporá que o Hospital de Valdeorras vai ter capacidade para valorar as súas necesidades e investir nelas”

Este enfermeiro, que vai de número 8 na lista por Ourense, asegura que o BNG "ten as mans libres para gobernar, non temos amos nin recibimos ordes de Madrid"

 

Conta cunha intensa traxectoria política e sindical. De feito esta é a segunda vez que Suso Vilasánchez Feijóo, enfermeiro voceiro municipal do BNG no Barco, se presenta nunha lista ás eleccións galegas. “A primeira foi no 2016 xa con Noa Presas, e ía de número 2. Empecei neste tema cando vin que o BNG estaba nunha situación dramática, despois desas historias que houbo, e agora mesmo está na mellor das situacións que lle vin na súa historia, no Barco mesmamente en número de votos e de concelleiros está na mellor época, e, polo que parece, parlamentariamente isto vai para a presidencia”, explica ilusionado Vilasánchez, que ocupa o número 8 da candidatura nacionalista pola provincia de Ourense.

Tras a súa experiencia noutros comicios, ¿como ve estas eleccións galega e por que considera que son importantes?

Estou emocionado porque as vexo como a posibilidade de cambiar o goberno e iso compróbase cando vas pola rúa. No 2016, por exemplo, íaslle dar votos a alguén e se retraían, hoxe recóllenchos ou vanchos buscar, é máis, hai unha gran receptividade, estou notando nestas eleccións o mesmo tipo de receptividade que percibín nas municipais e no Concello do Barco pasamos de 1 a 3 edís. O único que me preocupa destas eleccións son os partidos pequenos, minoritarios, que non van sacar ningunha representación e que deberían quedar na casa se de verdade teñen interese, se se consideran de esquerdas ou progresistas, pero teñen todo o seu dereito a presentarse.

¿Que obxectivos se marca o BNG nestas eleccións galegas?

Sacarlle a maioría absoluta ao PP. Nós non dicimos agora que lle vaiamos a ganar ao PP, pero si que o imos sacar do goberno. De verdade que é unha cuestión de décimas, estou completamente convencido de que o BNG vai gobernar e creo que o país vai quedar en moi boas mans, nas de xente que non ten as mans atadas.

¿Que valoración fai do goberno do PP na Xunta de Galicia?

Dende que está gobernando o PP perdéronse máis de 51.000 empregos, hai 22.500 autónomos menos, 4.127 empresas extintas, 4.441 empresas que operan aquí e pagan impostos en Madrid, perdéronse 86 millóns de m2 de terras de cultivo, antes no 2007 o PIB per capita de Galicia era o 89,4% do PIB per capita medio da UE, e hoxe é o 76,9%, somos máis pobres e, como consecuencia diso, temos un 18,4% de poboación en risco de pobreza ou exclusión social. Temos 200.000 mozos emigrados e un total de 374.500 emigrantes, que é unha barbaridade.

E se miras iso, ¿que é o que fai o PP? Adicar a I+D+i o 1,10%, que é a metade do que se fai de promedio en Europa, triplicar a débeda pública e non conseguir nin unha soa transferencia, non construír nin unha soa residencia pública de maiores, destrozar a sanidade pública, recortar os cuartos da primaria, incrementar a pobreza enerxética… Ese é o país que nos queda e ante ese país nós facemos programas.

 

 

Suso Vilasánchez, número 8 da lista do BNG por Ourense, na entrevista concedida ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como é o programa que presenta o BNG?

A nivel galego pretende un concerto económico con plena capacidade de xestión dos impostos soportados na Galiza e crear unha axencia tributaria galega, para coller os nosos impostos e xestionalos, e que o imposto de sociedades se incorpore ao sistema de financiamente autonómico, algo importante xa que queremos que as empresas paguen alí onde producen e non onde teñen a sede central. As hidráulicas sacaron de Galiza en 10 anos 3.522 millóns de beneficio, se iso cotizase en Galiza outro galo nos cantaría. Queremos tamén un Instituto de Crédito e Investimento e demandar do goberno central a recuperación do rescate bancario. Hai cousas que un demanda e pode non conseguir, pero a cuestión é que outros nin as demandan porque non teñen as mans libres…

Ademais apostamos pola inclusión preferente de Galicia no corredor atlántico de mercadorías e por unha tarifa eléctrica galega, que é unha cuestión perfectamente conseguible.

¿E que cuestións destacaría dese programa con relación as comarcas da parte oriental da provincia de Ourense?

Valdeorras ten dous problemas principais: a sanidade e os transportes. E aquí si que me gustaría facer referencia a ter as mans libres porque é fundamental, nós non temos amos, nin recibimos ordes de Madrid, o noso fin é Galiza, o noso país é Galiza temos a xente que traballa no país e a xente que dirixe tamén no país e non temos que pedir permiso a ninguén. Nese senso, o BNG ofrece a defensa das comunicacións, a recuperación dos trens e das estradas, iso podemos demostrar que o temos pedido e que outras forzas políticas non o teñen aceptado.

Sobre a sanidade, que é o noso gran problema, o BNG pretende recuperar as áreas sanitarias e isto supón que a un hospital como o de Valdeorras se lle ceda un orzamento e a capacidade de decisión para valorar as súas necesidades e investir nelas. Nós temos un compromiso: de gobernar ou de ter capacidade diso, de que este hospital vai ter unidade de neumoloxía ou silicose e vai contar cunha ambulancia de soporte vital avanzado. E a estas dúas cuestións opúxose o PP en Compostela, entón, ¿como nos presentamos ante os galegos e os valdeorreses?

A parte diso, propoñemos a recuperación das áreas sanitarias, que fan cada hospital analice os seus problemas e faga unha oferta de servizos, segundo as súas necesidades e aquí vemos que precisamos cousas que ninguén nos oferta, pese a que as pedimos. Tamén aseguramos que non imos deixar aos nenos sen pediatría, e dende logo as listas de agarda do Hospital de Valdeorras, que vai ser potenciado como nos seus bos tempos, van diminuír. Iso é hospitalario. Agora o que temos é perda de especialistas, de servizos, desprazamentos a Ourense…

Na atención primaria defendemos incrementar o orzamento ata chegar a un 25% en sanidade e nos primeiros meses incrementar xa a 200 millóns de euros. Tamén queremos parar o plan que ten o PP de destrución de consultorios periféricos, centros de saúde unipersoais como os de Larouco, San Xoán de Río ou Vilariño de Conso, ese plan está descrito e colgado en internet. Eses puntos teñen que ser matidos e ten que ser mantida igual a asistencia pediátrica.

 

Suso Vilasánchez, noutro dos momentos da entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén incluímos no programa un plan de saúde mental, algo fundamental en zonas como esta onde a soidade e o illamento aínda incrementa ou agrava estas patoloxías, e ademais presentamos un plan para actuar sobre o suicidio, que en Galicia dá cifras espeluznantes. E logo é importante na sanidade, igual que no ensino, ofertar servizos complementarios como a capacidade de transportar pacientes correctamente dun lado a outro, entón temos que reorganizar e dotar correctamente o servizo de transporte sanitario.

Por outra banda, no BNG somos conscientes de que máis dun 30% da sociedade galega é maior de 65 anos e vemos que hai moita persoa maior soa e cunha soidade non desexada. Por iso o BNG pretende un novo modelo de residencias e unha planificación cunha rede galega de residencias públicas, aumentar ou reforzar os servizos de axuda ao fogar, ampliar tamén a rede de centros de día públicos e outra cousa novidosa, crear centros de noite, onde poida ir a xente a durmir, e potenciar o programa de Xantar na Casa. Ademais, entre outras cuestións en materia económica como o impulso ao turismo ou ao sector vitivinícola, o BNG comprométese a incrementar e ocuparse da construción da vivenda pública.

¿Que mensaxe lle trasladaría aos votantes para que apoien ao BNG no vindeiro 18 de febreiro?

Dicirlle á xente que vote. O día 18 esperamos que todo o mundo exerza o seu dereito ao voto e que teñan en conta unha cousa: se eles non votan, alguén vai a votar por eles, o voto de alguén vai actuar sobre eles. Quen pensen que si se pode cambiar o goberno e que aquí podemos ter tren, estradas, ambulancias de soporte vital avanzado, si que podemos ter unha unidade de silicose… o único que hai que facer é votar.

E ademais pídolle á xente que teña cabeza e que non perda o voto. Hoxe o voto útil é o voto ao BNG, non hai máis. Que voten ao país, porque o país necesitávos, e que voten á xente que ten as mans ceibes e que non recibe ordes de ningún lado. O voto máis útil, máis libre e o que máis se vai preocupar do teu país é o voto ao BNG, con Ana Pontón á cabeza.

Back to top button