ConcellosParada de SilÚltima hora

A doutora Lucía Ferreiro recibe unha emotiva homenaxe en Parada de Sil

O Concello escollía a esta recoñecida neumóloga como persoa homenaxeada no recoñecemento que fai cada ano a persoas ilustres da zona nas Letras Galegas

 

Con moita emoción e sentimento vivíase o acto de homenaxe que o Concello de Parada de Sil lle rendía á neumóloga Lucía Ferreiro, no marco da celebración das Letras Galegas, que neste municipio sempre serve para lembrar e recoñecer a persoas ilustres con raíces na zona.

É o caso da doutora Ferreiro, cunha destacada traxectoria malia a súa xuventude e cuxa familia é de Sacardebois, aldea que visita cando as súas obrigas o permiten e onde está a súa avoa. Lucía Ferreiro, despois de formarse nos colexios ourensáns de Concepción Arenal e Carmelitas cursou medicina na Universidade de Santiago de Compostela realizando a especialidade de Neumoloxía no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e ampliando a súa formación cunha estadía nos EE.UU. na Medical University of South Carolina co doutor Esteven A. Sahn, especialista internacional en patoloxía de pleura. Volta a Compostela e Lucía pon en marcha esta unidade de Pleura.

Lucía Ferreiro ten participado en numerosos proxectos de investigación, ademais de ser destacada conferenciante tanto a nivel nacional como internacional, e foi recoñecida recentemente polo portal Expertscape como unha das principais expertas en patoloxía da pleura a nivel mundial.

 

 

Este mediodía no salón de plenos recibía, xunto á súa familia, o agarimo da veciñanza de Parada que enchía o acto e que recibía de mans do alcalde, Aquilino Domínguez, unha placa conmemorativa. O evento comezaba ás 11,30 da mañá cos música da coral Aqua Música e, despois da proxección dun vídeo de recordos da homenaxeada e dábase paso á súa laudatio a cargo do profesor Antón Fernández, da Universidade de Vigo, quen resaltaba os estreitos vínculos da homenaxeada con Parada de Sil.

 

 

Pola súa banda, a doutora Ferreiro facía unha sentida intervención agradecendo ao Concello esta distinción e tamén á súa familia o labor realizado para que ela puidera chegar a ser que é hoxe no mundo sanitario e científico. Tamén aludía ao esforzo persoal na súa carreira, e máis sendo muller. Para ela este recoñecemento, dicía, supón un estímulo extra para seguir desenvolvendo a súa profesión e aseguraba que vai levar o nome de Parada de Sil polo mundo.

 

 

O acto incluía tamén a entrega dos premios do concurso de microrrelatos, unha lectura de poemas de Luísa Villalta e, a colocación dunha placa na casa de Lucía Ferreiro en Sacardebois. Finalmente os participantes estaban convidados a petiscos e viño galego en Parada de Sil.

Este acto contaba coa asistencia de membros da Corporación de Parada de Sil, entre eles o seu alcalde e o concelleiro de Cultura, Aquilino Domínguez e Paco Magide, respectivamente; e co deputado provincial Xosé Miguel Pérez Blecua, entre outras persoas.

Así mesmo, está previsto que para rematar a xornada ás sete da tarde terá lugar na igrexa de Parada de Sil unha nova edición do certame de Corais Ribeira Sacra.

Fotos cedidas/ Luis Baños.

 

Back to top button