
O vindeiro día 20 de maio celebrarase o Día Internacional da Abella, que como outras datas conmemorativas, ten a finalidade de sensibilizar o público sobre un problema. Neste caso son os perigos aos que se enfrentan estes insectos polinizadores, claves para a reprodución de moitos cultivos e plantas silvestres, e a necesidade de protexelas.
Por primeira vez este ano o Concello de Parada de Sil, da man de Loli e Rosa Casares e coa colaboración do centro Os Noviños, celebrará este día o que para o alcalde, Aquilino Domínguez, pon de manifesto “a necesidade de colaboración público-privada e o mesmo tempo unha grande satisfacción”.
A abella, manifestan as organizadoras, “é o símbolo do traballo duro, da abundancia e da persistencia en conseguir obxectivos”, polo que encaixa perfectamente coas políticas do Concello de Parada de Sil “que con esas premisas está a acadar unha posición nunca pensada”, segundo o grupo de goberno.
Nun completo programa dende o día 16 ao 19 no salón de plenos do Concello de Parada de Sil farase unha exposición con material apícola e cos traballos feitos polos nenos e nenas de Noviños do Sil e do 17 ao 19 haberá unha exposición con degustacións a cargo de Loli e Rosa.
Como vén sendo habitual nas políticas do alcalde Aquilino Domínguez, “sempre procuramos contar co Xeriátrico Luces do Sil , é dicir cos nosos maiores polo que o día 19 ás 11:45h. representarase neste centro o conto “Máis que Mel” de Os Bolechas, coa asistencia de nenos e nenas de Noviños do Sil. O alcalde quere agradecer ás persoas que o fan posible “a súa adicación e compromiso con este concello”.
