
A alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, participará o próximo xoves 30 de maio nunha ponencia no Senado sobre o estudo que leva por título “Evolución da percepción dos avances na España Rural”, elaborado pola Cátedra de Reto Demográfico e Despoboación de Next Educación e na que a rexedora dará voz aos territorios rurais de Galicia. Domínguez asegura que a súa intervención “será unha estupenda oportunidade para expresar os problemas aos que nos enfrontamos no día a día no rural e protexer as nosas potencialidades e avances”.
“Patricia Domínguez será a única alcaldesa de España que participe na ponencia”, destacan dende o Concello de Trives. Nesa xornada tamén está previsto que interveña Pedro Rollán, presidente do Senado; Santiago Cabañero, presidente da Deputación de Albacete; Tania Solans, presidenta de Pobos Pequenos da Federación Española de Municipios e Provincias; Alberto Gómez Barahona, rector da Universidade Isbael I ou o xornalista Chema López Juderías, entre outros expertos. Clausurará a sesión a vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera.
Na sesión trataranse asuntos como a transición ecolóxica e as oportunidades que supón para o rural; o medio rural na loita contra o cambio climático; a despoboación como causa xeradora de incendios ou a igualdade de xénero nestes territorios, entre outros.
Trátase do cuarto estudo que se realiza sobre este tema e elaborouse a partir da perspectiva de máis de 600 persoas representativas do entorno rural, máis do dobre que nos estudos anteriores. Ademais, consideráronse tanto as percepcións individuais como as colectivas, abarcando a diversas entidades como plataformas, concellos, deputacións, xornalistas, organizacións e figuras destacadas, así como opinións da mocidade e empresarios rurais.
