Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima horaVídeos

O Club Peña Trevinca Barco completa a andaina “Os 100 do Barbanza”

Seis membros desta entidade valdeorresa participaban nesta proba ultra que saía de Rianxo

 

Un total de 100 km cuns 3.512 m de desnivel. Era o reto deportivo que afrontaban con éxito 6 membros do Club Peña Trevinca Barco na pasada fin de semana: Ricardo León, Pedro Gacía, Lucio Cao, Aurelio Castro, José Miguel de la Cal e Demetrio Requejo. Participaban en “Os 100 do Barbanza”, unha andaina ultra que valoraban de xeito moi positivo, se ben recoñecen que se trata de probas para facer unha vez na tempada.  “O ambiente é espectacular e a organización moi boa, fomos moi ben acollidos”, comenta o presidente do club, Miguel de la Cal.

 

De esquerda a dereita: Ricardo León, Demetrio, Lucio, Pedro, Aurelio
e Miguel.

 

O punto de partida era Rianxo, pero antes da saída oficial, os participantes participaban nunha orixinal proposta montándose en barcos vikingos e tamén asistindo a un combate. Despois, ás 17h. dábase a saída real cun longo percorrido. Ao chegar ao km 36 tiña lugar a cea da proba e logo afrontaban a noite (a unha temperatura de 18 graos) con frontais iluminándolles o camiño. Pasaban por Noia e por Porto do Son, ata que ás 6h. comezaba a clarexar. “Houbo tres zonas de grandes subidas, repartidas polo traxecto: unha o sábado pola tarde, outra nocturna e unha terceira, que foi a máis dura, o domingo pola mañá”, matiza Miguel de la Cal.

 

 

 

Os seis integrantes do Club Peña Trevinca Barco permaneceron xuntos practicamente durante todo o percorrido e eran moi ben recibidos ao remate, en Rianxo. “A pesar do esforzo é algo que compensa pola satisfacción de conseguir realizar a proba en menos tempo do fixado”, conclúe o presidente. Tamén estaba inscrita nesta proba Ceferina, pero por un problema persoal, finalmente non puido participar.

Esta cita deportiva finalizaba cun xantar de de confraternidade (cun menú a base de empanada de millo de xoubas, mexilón de Galicia en vinagreta e en escabeche, polbo á feira co cachelo e navallas á plancha).

 

https://youtu.be/m-Qe0-wUhG0

Fotos e vídeos: Club Peña Trevinca Barco.

 

Back to top button