O avance nas obras de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, fará necesario un corte puntual de tráfico a partir de mañá, segundo vén de informar a Xunta. Este peche de circulación afectará en concreto ao tramo entre Ferrería Nova e Seoane -entre os puntos 31+300 e 33+300- e realizarase durante as primeiras semanas do verán en días laborables dende as 8:30 ás 19 horas. O corte levarase a cabo coincidindo co remate do curso co fin de non afectar ao transporte escolar.
O corte é necesario para avanzar nos traballos de maior afección. Ademais, na segunda quincena de xullo prevese iniciar a ampliación das dúas pontes do treito, o que requirirá do corte total da estrada previsiblemente durante o resto do verán. Nese tempo realizaranse nestas pontes a cimentación, execución de estribos, colocación de estruturas, barreiras ou firme para que se poida restablecer de novo o tráfico cando comece o curso escolar.
Unha vez acometidos os traballos citados anteriormente, procederase ás accións de pavimentación e sinalización, xa compatibles co tráfico.
A Xunta prevé rematar este outono estas obras de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, cun investimento de 3,4M€.
Estas actuacións enmárcanse na mellora integral que impulsa o Goberno galego na estrada LU-651 (Quiroga-Seoane) no tramo de 12 km entre a saída de Folgoso e Seoane do Courel, cun orzamento global de 9,6 M€.
De xeito paralelo a Xunta avanza na redacción do proxecto da 2ª fase de acondicionamento desta estrada, entre a saída de Folgoso e a saída da travesía que atravesa o núcleo de Ferrería, cun investimento que superará os 6 M€.
