
Entre o martes 9 ao xoves 11 de xullo a “Ruta Quetzal”, conformada pola organización e douscentas mozas e mozos de entre 15 e 16 anos (escollidos pola mellor nota media do curso en cada Comunidade Autónoma), visitarán os concellos de Chandrexa de Queixa e Manzaneda. Ambos municipios forman parte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra dende o 2023 e conforman parte da capitalidade compartida da Montaña Española.
O programa da actividades comeza o martes 9 en Chandrexa de Queixa con recepción ás 11:30 horas das e dos integrantes da “Ruta Quetzal” para percorrer ás 12:30 horas a “Ruta do río Dorelle”; así como tempo de lecer ata as 17:00 no entorno do encoro. Continuárase con talleres de actividades agrogandeiras e súa vinculación a paisaxe rural pola tarde. Ás 20.00 horas Alexandra Seara, xerente do Consorcio da Ribeira Sacra, falaralles sobre o Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra e a candidatura a Patrimonio da Humanidade. A xornada, rematará á noite cun taller de astronomía.
O día 10 en Manzaneda ás 10:30 da maña farase unha presentación dos valores da montaña suroriental da Ribeira Sacra: con casos particulares de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, conformando parte do corazón do Macizo Central Ourensán, e na que contaremos coa presenza de responsables da Axencia Galega de Turismo e do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Ás 12.00 relizarase un circuíto interpretativo pola vila medieval de Manzaneda. Ata as 17:00 disporase de tempo libre no espazo de lecer da contorna das piscinas municipais. A continuación realizaranse dous talleres de voluntariado o “fermosismo en Manzaneda” de lavadeiros municipais e/ou paseos por zonas ambientais do concello de Manzaneda.
Pola noite ás 21.00 realizarase un paseo nocturno dende a porta da Vila de Manzaneda ao Monumento Natural Souto de Rozabales, con subida posteriormente ao Curro Chaira das Lamas e ao bambán do Alto da Escrita. “Animamos a todas as persoas que o desexen nos acompañen na ruta nocturna para o que terán que vir provistas de lanterna. Para a cativada máis pequenaexistirá unha variante con regreso dende o Monumento Natural Souto de Rozabales”, indican dende os Concellos de Manzaneda e de Chandrexa de Queixa.
O xoves 11 a primeira hora da maña, realizarase un percorrido en autobús polo viñedo do Val do Bibei, para rematar no concello limítrofe do Bolo no santuario das Ermidas, dirixíndose posteriormente cara saída a Santiago, seguinte para da ruta Quetzal expedición 2024. As actuacións son financiadas polo plan de Sostibilidade Turística (PST) en Ribeira Sacra.
