
Ao longo da xornada do vindeiro 17de agosto Quiroga volverá a converterse en “Qui-Roma” no marco da IX Festa Castrexo Romana desta vila, cun intenso e completo programa de actividades que atrae en cada edición a multitude de persoas, a meirande parte delas vestidas á usanza desta época.
O programa comezará ás 9:30h. con ruta de cabalos e ás 11h. abrirá as súas portas o Mercado Qui-Romano na Via Rex (rúa Real da vila). Nesa zona poderán verse ao longo do día demostracións de artesanía e traballos de aramio. Ademais haberá animación musical e tamén a partir das 11h. actividades infantís centradas na creación de xoias, escudos e espadas. Tampouco faltarán os inchables de balde.
E, entre as 11h. e as 12h. farase unha visita guiada ao Museo Xeolóxico dende o enfoque da cultura castrexo-romana e, unha hora despois, outra ao Museo Etnográfico. Ás 11:30h. terá lugar o desfile da Garda Romana Lucus Equites pola Via Rex e ás 12h. está prevista unha batucada na praza da Via Lacus (rúa Lago), onde despois tamén actuará a citada garda romana.
Pola tarde, haberá exposición dos bois de Mario Nogueira, unha escola de pequenos gladiadores qui-romanos, un bingo, así como un novo desfile da garda romana ás 19h. e un espectáculo circense de malabares e lume na Praza da Via Lacus.
Ás 20:30h. chegará outro dos momentos máis agardados: o desfile Qui-Romano Arde Loucos pola vía Rex, coa participación da garda romana, os bois de Mario Nogueira e de todos aqueles que se queiran sumar. A saída farase dende a Casa da Cultura e o percorrido rematará xunto ao auditorio.
Será precisamente no anfiteatro do auditorio onde terá lugar o espectáculo-recreación de loita de gladiadores qui-romanos fronte aos castrexos. O prorama incluirá outras actividades, entre elas musicais e unha cea qui-romana ás 21:30h.
Esta celebración está organizada polo Concello de Quiroga en colaboración coa Asociación Qui-Roma.


