ConcellosEn portadaGalerías de fotosTrivesÚltima horaVídeos

Unha mostra pon en valor en Trives o labor dos médicos rurais, “auténticos heroes silenciosos”

“Historia da Medicina Rural Galega” pode visitarse dende este 13 de setembro no Colexio Santa Leonor

 

Eran máis que médicos. Médicos do corpo e da alma, “todos eles exemplo de vocación e compromiso como tamén os foron as enfermidades e outros profesionais sanitarios como os practicantes, as parteiras, veterinarios… e con eles, os farmacéuticos”. O neumólogo trivés Julio Ancochea, presidente de Asomega, rendía deste xeito homenaxe aos profesionais sanitarios que décadas atrás exercían a súa profesión no mundo rural na inauguración da mostra “Historia da Medicina Rural Galega” (impulsada por Asomega e os Concellos de Trives e Maceda), que dende hoxe se pode visitar no Colexio Santa Leonor de Trives.

 

 

Esta exposición, engadía Ancochea, supón “unha representación do que ofrece o Museo do Médico Rural de Maceda dende o punto de vista material, pero, sobre todo, simbólico porque o máis importante do museo non son as pezas que atesoura, auténticas xoias da nosa práctica médica clásica, senón o que significa e o que transmite. Porque a medicina rural que se teñen exercido e se exerce é o máis parecido á excelencia na práctica médica: cercanía, dispoñibilidade, coñecemento do paciente e das súas circunstancia, adecuación dos recursos ás necesidades reais do paciente-persoa. Todo iso, a pesar das dificultades e das limitacións materiais”.

 

 

Ademais lembraba a unha serie de profesionais que exerceron en tempos na comarca das Terras de Trives, comezando polo seu avó, Ramón Bermúdez, “nacido en Maceda e trivés de adopción e corazón, que é unha das moitas persoas referenciadas hoxe no museo porque dende hoxe tamén o son Alfonso Paz, Guillermo Bertólez, Gabino García, Amaranto de Prado e outros profesionais sanitarios admirables que exerceron a súa profesión nesta zona como a señora Anuncia, a parteira, ou como Juan o practicante ou dúas farmacias emblemáticas como de fonda tradición familiar, Paz e Álvarez, ou o veterinario Berardo Araújo “.

Ancochea concluía destacando o papel das autoridades colexiais, sanitarias e política presentes para facer visible cer visible a medicina rural e ao médico rural, cuxo labor desenvolven hoxe as novas xeracións de profesionais. “O seu apoio é moi importante para que se coñeza a historia desta forma de facer medicina e para que hoxe en día poida seguir exercéndose con eficacia”.

 

 

A do doutor Ancochea era unha das intervencións deste acto inaugural (con actuación do Orfeón Trives que dirixe Sandra González), que abría a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, dando á benvida aos asistentes e agradecendo esta iniciativa. Deseguido interviña a rexedora de Maceda, Uxía Oviedo, quen destacaba “o valor da medicina rural e da medicina primaria” e a “importancia de que se sigan metendo recursos na sanidade pública, pero sobre todo, na atención primaria no rural, que é o máis cercano ás nosas familias. A través desta exposición débese facer mención disto tamén”.

 

 

Ademais tomaba a palabra Manuel Lage Parente, responsable do Museo do Médico Rural de Maceda, quen recordaba como esta exposición itinerante, que reivindica os valores da medicina rural, xurdía hai 3 anos en Vilanova dos Infantes (Celanova), con motivo da Romaría Raigame, dedicada ao médico rural. “A exposición conta con pezas suficientes para que teñamos unha idea do traballo destes heroes silenciosos e verdadeiros artesáns do seu oficio, que, con poucos medios diagnósticos e terapeúticos, souberon loitar para mellorar a saúde dos seus pobos, foron médicos dos pobres e a súa vida era de total entrega, como un sacerdocio, sendo considerados un dos patrimonios inmateriais máis aprezados do mundo rural”.

 

 

Pola súa banda, Keith Albert Foo, médico en Laza e presidente da Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia (SEMG Galicia), apuntaba que “o médico rural séguese convertindo nesa figura de amigo, confidente, relator e moitas veces ata coñecemos o seu nome, o seu contexto e historia, pero somos o único eslabón entre a saúde e a enfermidade”. Expresaba a súa preocupación por “por garantir o berce da medicina que constitúe a medicina rural” e aseguraba que esta mostra e o museo “manteñen viva a memoria dos que en tempos pasados con circunstancias adversas e difíciles dedicaron a súa vida a coidar dos demais, a relación inquebrantable da comunidade e do médico rural”.

 

 

Interviña así mesmo a xefa territorial de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, quen comentaba que “hoxe temos a xeración máis preparada de médicos e do resto de persoal sanitario, pero aínda así debemos seguir enxalzando o labor daqueles médicos rurais que facían tanto con tan poucos medios, cun gran esforzo e cunha gran proximidade. Ter en conta eses valores e aplicalos ao noso futuro”.

 

 

E Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, compartía a súa experiencia como médico rural alá polos anos 70-80. “Exercemos a medicina primaria en toda a súa extensión e a medicina rural”. Recordaba tamén as melloras que supuxeron medidas como “a introdución do 061 e os puntos de atención continuada os PAC”. Fernández incidía en que “actos como o de hoxe pagan a pena porque é un reocñecemento do que fomos, do que fixemos e ata onde chegamos”.

 

 

O acto clausurábao o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, tamén médico, quen lembraba a súa primeira experiencia na profesión. Destacaba a faciana “humanista” dos médicos rurais e como ademais eran confidentes, “mesmo chegando a salvar matrimonios”. Mencionaba o seu papel esencial no rural, xunto co dos farmacéuticos, e poñía en valor figuras como a de Raimundo Fernández Portela. “Gracias por esta iniciativa, creo que é a nosa historia, a historia da sanidade”.

Trasladaba as súas felicitacións á Fundación do Museo do Médico Rural por ter dinamizado o seu proxecto orixinal para estender e dar a coñecer ao resto da xeografía a historia e a memoria da medicina rural “á que tanto lle debemos”.

 

 

A mostra

A través de paneis informativos e diversos obxectos, a exposición describe o marco no que os médicos rurais levaban a cabo o seu traballo a finais do século XIX e principios do XX. Achéganse de primeira man as características do consultorio daquela época, o instrumental ou a evolución das farmacias, entre outros aspectos e nun amplo percorrido pola medicina do século XX.

Esta exposición itinerante, que comezou a súa andaina na Romería de Raigame (Celanova) chega a Trives despois de visitar Maceda, Sevilla, Alicante e Murcia. Os interesados en visitala poderán acceder de xeito gratuíto na sala de exposicións do edificio de Santa Leonor co seguinte horario:

-De luns a venres, de 10.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 18.30 horas.
-Sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 18.30 horas.
-Festivos de 11.00 a 14.00 horas.

Foto: O SIL e vídeos.

 

Back to top button