
Está activo un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia Barxa, dende as 00:17h. de hoxe martes, que afecta unha superficie provisional de en torno a 60 hectáreas, segundo informa a Consellería do Medio Rural.
Polo momento mobilizáronse 8 axentes, 10 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 3 técnicos, 7 helicópteros e 5 avións. Ademais, na súa extinción están a colaborar medios terrestres procedentes de Portugal.
Estabilizado A Gudiña-Pentes
Continúa estabilizado, dende as 00.13 horas de hoxe martes, o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas e evoluciona favorablemente. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 15 axentes, 24 brigadas, 11 motobombas, 4 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 8 avións.
Estabilizado Laza-Trez
Permanece tamén estabilizado, dende as 18.01 horas de onte luns, o incendio forestal do concello ourensán de Laza, parroquia de Trez, que se iniciou ás 19.22 horas do domingo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de en torno a 60 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse polo de agora 17 axentes, 32 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 7 helicópteros e 4 avións.