
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) está a construír un punto de medición de caudal no río Quiroga, na ponte de Villaverde, que permitirá monitorizar en tempo real as condicións hidrometeorolóxicas, contribuíndo á protección da poboación e os seus bens. Estas actuacións supoñen un investimento estimado de 44.000 euros e enmárcase dentro do proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Interreg VIN A España – Portugal 2021-2027.
Neste momento están a executarse os traballos necesarios para a súa posta en funcionamento, consistente na obra civil, a instalación da instrumentación para monitorizar o nivel da auga no leito, a pluviosidade ou a temperatura ambiente, así como o sistema de adquisición e tratamento dos datos rexistrados destas variables no novo punto de control, datos que se transmitirán cada cinco minutos ao Centro de Control de conca situado en Ourense, tal e como informa o Concello de Quiroga.
A nova estación amplía a rede de Sistema Automático de Información Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que actualmente conta con 116 estacións, que permiten recoller e transmitir os datos en tempo real das variables hidrometeorolóxicas, como o caudal nos ríos, o volume almacenado nos encoros, o nivel das augas, as precipitación ou a temperatura, con actualizacións cada cinco minutos.
A instalación destes sistemas avanzados de control non só optimizará a monitorización en tempo real das condicións hidrometeorolóxicas, mellorando o coñecemento da demarcación hidrográfica, senón que tamén contribuirá á protección do medio ambiente e da poboación e os seus bens. Ademais o acceso a estes datos en tempo real permite que as autoridades competentes tomen mellores decisións, anticipándose mediante a prevención, preparación e protección, para os efectos dos fenómenos extremos como as inundacións ou as secas.