ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O alcalde de Río representará a España nunha reunión en Bruxelas sobre unha nova rede de autoridades locais na UE

Anunciábao o propio rexedor, Xosé Miguel Pérez, na clausura do VIII Congreso EsMontaña este mediodía en San Xoán de Río

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez./ Foto: O SIL.

 

A rede “Construír Europa coas Autoridades Locais” (BELC), unha iniciativa que reúne a cargos electos de pobos e cidades de toda Europa para promover o debate cidadán sobre a Unión Europea (UE) vai desaparecer. Así o sinalaba o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, que forma parte desa rede xunto con outros 200 concellos europeos, entre eles os ourensáns de Trives, Xinzo de Limia e Oímbra.

“Esa red vai desaparecer porque a van meter dentro do Comité das Rexións e mandáronnos a todos os membros unha carta dicindo que se vai crear unha nova rede, cuxa presentación vai ser en Bruxelas a primeiros de outubro”, dicía Pérez Blecua no acto de clausura do VIII Congreso EsMontañas, co que concluían os actos da “Capitalidade da Montaña 2024” (que Río compartía con Trives, Manzaneda e Chandrexa de Queixa), este mediodía en Río.

Nesa comunicación, tamén se lles indicaba aos membros da rede BELC que querían que houbese un representante de España nese acto. En resposta a esa petición, o rexedor de Río envíou unha carta coa súa proposta para selo, pero sen ningún tipo de expectativas. Unha misiva na que se presentaba como o “alcalde dun concello que nos anos 80, na entrada de España na UE, tiña case 3.000 habitantes e no ano 2019, cando cheguei á alcaldía, perdimos máis do 80% da nosa poboación, quedándonos en 500 habitantes, e sendo o lugar máis envellecido de Europa cunha idade media de 63,5 anos. Somos un pobo en perigo de extinción, ningún país en guerra presenta unhas cifras demográficas similares, eu creo que coa axuda da Comisión Europea podemos ter futuro, levamos tres anos aumentando poboación, pero fan falta moitos máis cambios”.

 

O rexedor de Río, na clausura do VIII Congreso EsMontañas./ Foto: O SIL.

 

O pasado venres, precisamente durante o Congreso EsMontaña, recibía unha chamada na que se lle comunicaba que era a persoa elixida para representar a España nesa presentación, na que tamén haberá representantes de case 30 países europeos. “Darei voz ao meu pobo alí e, na medida das posiblidades, intentarei tamén dar voz as montañas nesa reunión”, aseguraba na clausura deste foro.

 

Back to top button