CulturaCulturaÚltima hora

Obras de consolidación no xacemento arqueolóxico e na mámoa de Maus de Salas (Muíños)

 

Esta semana daban comezo as obras de consolidación no xacemento arqueolóxico e da mámoa da Veiga de Maus de Salas, no concello ourensán de Muíños. Trátase dunha actuación da Xunta que, cun importe de 35.000€, busca recuperar e poñer en valor o patrimonio megalítico que se atopa no encoro do Salas.

“Esta actuación reflicte o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coas tarefas de escavación, limpeza e reparacións que se recollen no Plan Arqueolóxico posto en marcha este ano e que inclúe a intervención nun total de 32 xacementos en 30 concellos. Trátase dunha folla de ruta para poñer en valor o noso patrimonio mais sobranceiro no cal o Goberno galego destina 551.000€ neste 2024, nas catro provincias galegas”, segundo Cultura.

Con esta obra, búscase a protección deste enclave que se atopa ao pé da Serra do Xurés, onde xa se teñen levado a cabo varios proxectos de recuperación do patrimonio, como a restauración do Foxo do Lobo, unha trampa de orixe medieval.

 

 

En concreto, estes traballos pretenden acondicionar todo o entorno do dolmen, a través das tarefas de escavación. Tamén inclúen o peneirado da terra, co obxectivo de recuperar todo o material que se atope depositado alí. Posteriormente consolidarase o dolmen, recolocando as lousas desprazadas daquela e protexendo o monumento das constantes crecidas e baixadas do encoro do Salas.

Back to top button