PolíticaÚltima hora

O PP de Ourense celebrará a finais de mes unha Interparlamentaria cos representantes do partido que se centrará no rural

Así o anunciaba o seu presidente, Luis Menor, tras a xunta directiva provincial, celebrada esta tarde na que participaban Alfonso Rueda e Carmen Fúnez, entre outros cargos do PP

 

Esta tarde o PP de Ourense celebraba unha reunión da súa xunta directiva provincial, na que tamén participaban o presidente do PP de Galicia; a vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do partido na provincia, Luis Menor. Na xuntanza Rueda comprometeuse a seguir gobernando pensando nos problemas da xente, cumprindo a palabra dada e devolvendo aos ourensáns e ao conxunto dos galegos a confianza que depositaron nel hai oito meses.

Neste sentido, animou aos seus a “seguir traballando para revalidar a confianza que os ourensáns outorgan sempre ao Partido Popular de forma maioritaria e que permite que a provincia de Ourense estea representada nos lugares onde se toman as decisións a través dos seus 8 deputados autonómicos, 3 deputados nacionais, 3 senadores e un total de 56 alcaldes e alcaldesas”.

 

 

Pola súa banda, Luis Menor subliñaba que a nova estrutura do partido, aprobada no Congreso Provincial extraordinario de xullo, permite ao PP de Ourense “seguir demostrando que estamos ao lado da xente, sen partidismos, centrados nas súas preocupacións”, destacando ao mesmo tempo a capacidade para chegar a todo o territorio.

Tomando como punto de partida esta presenza por toda a provincia, Luis Menor anunciou a celebración a finais de mes dunha Interparlamentaria ourensá cuxo eixo temático será o mundo rural. Así, o 26 de outubro os representantes no Congreso, Senado, Parlamento de Galicia e Deputación, un por cada institución, detallarán “o traballo que veñen realizando a favor do rural ourensán, analizando a súa situación e propoñendo iniciativas”.

 

 

Na súa intervención, Menor sinalou tamén que tras o congreso de xullo o partido demostrou a súa eficacia para incrementar a súa capacidade de traballo, “do que dan boa fe as 187 persoas que forman parte desta nova etapa do PP de Ourense e ata os 220 membros desta Xunta Directiva”. Unha nova estrutura orgánica que, sinalou, teñen o encargo de “levar as nosas mensaxes da maneira máis segmentado posible á sociedade ourensá”.

 

 

Repasou tamén o presidente provincial a actividade desenvolvida polo PP ourensán desde xullo, “cunha intensa vida política na sede provincial” coa constitución das 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinacións de área que forman parte da estrutura do PP de Ourense, ademais de reunións todas as semanas para analizar a situación política da provincia e da cidade e a recepción por parte da presidencia a máis de medio centenar de persoas “entre representantes de agrupacións locais, portavoces municipais, afiliados e mesmo novos militantes. Un partido que escoita e un partido que cumpre coa palabra dada”, e que segue a dar pasos firmes para facer realidade as 12 propostas que forman parte do documento Compromiso por Ourense, asinado co presidente Rueda, cun cumprimento do 60 % entre medidas e proxectos en marcha o xa realizados.

Fotos: O SIL.

Back to top button