OurenseÚltima hora

500 participantes e 70 AVPC, na VIII Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense

Desenvolvíase este 19 de outubro, cun amplo e diverso programa, nos concellos de Ribadavia e Cortegada

 

A Asociación Provincial de AVPC de Ourense e o Servizo Provincial de Emerxencias veñen de organizar a “VIII Xornada de Convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil”, que tiña lugar neste sábado 19 de outubro nos concellos de Ribadavia e Cortegada. Con esta iniciativa búscase “recoñecer o labor dun colectivo, o voluntariado de Protección Civil, que, formado por preto de 4.500 voluntarios pertencentes a 235 Agrupacións en toda Galicia, colaboran todo o ano, de forma altruísta e desinteresada, en innumerables emerxencias e operativos que centran o seu obxectivo en velar pola “nosa seguridade”. Toca, por tanto e por tantos, recoñecer este labor nunha xornada na que o protagonista sexa o voluntario e voluntaria de Protección Civil”, destacan os promotores do encontro.

Cun marcado carácter lúdico, a xornada de convivencia incluía un programa no que o voluntariado de Protección Civil, ademais de participar en talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias, podía desfrutar do enoturismo da veciña Portugal ou os beneficios dun baño Termal no Balneario de Cortegada.

Estes talleres prácticos eran levados a cabo por profesionais de organismos relacionados co mundo das emerxencias. Neles tratábase de conxugar, dende un punto de vista práctico, o emprego de material de emerxencias con coñecemento de medidas de autoprotección simulando un accidente de Mercadorías Perigosas. Nesta edición colaboraban na realización deste simulacro práctico: os Bombeiros da Mancomunidade de Terra de Celanova Bombeiros do Parque do Polígono de San Cibrao das Viñas, GES Lobios, Garda Civil de Tráfico e AVPC de Cortegada.

 

 

Os voluntarios e voluntarias de protección civil participantes na Xornada de Convivencia de AVPCs tiñan a oportunidade de empregar as últimas novidades na loita contra a Vespa Velutina. Para o que contaban cunha demostración práctica por parte da empresa PEYCAR.

 

 

Había ademais exposicións, exhibicións e novidades en material de emerxencias e protección civil por parte de empresas como Air Box, Misutonida, Disnainga, STARK, Emergalia – Rodriguez López e a empresa de Quads CAN AM. Contarase coa presenza de organismos como o grupo dos TEDAX e Garda Civil de Tráfico.

En definitiva, un amplo programa de actividades no que, ademais, as voluntarias e voluntarios de protección civil tiñan oportunidade de descubrir os beneficios da auga mineromedicianis dunha vila termal histórica como é Cortegada e podían degustar os caldos das Quintas de Melgaço e Monçao.

A xornada contaba así mesmo cun “Acto de recoñecemento ao labor feito polas voluntarias e voluntarios o longo da súa traxectoria e actividade en Protección Civil” mediante a entrega de medallas e condecoracións”, do que se ampliará información en breve.

 

 

Na organización das xornadas colaboran Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense e os concellos de Ribadavia e Cortegada. Ao termo da xornada, o presidente da asociación provincial de Protección Civil, Clemente Pérez, expresaba o seu “fondo agradecemento aos membros do Servizo Provincial de Emerxencias e ao persoal deste departamento, así como a gratitude para os compañeiros da asociación provincial e para a xunta directiva”.

Tamén agradecía o apoio das administracións “que se implicaron para o desenvolvemento desta xornada e, en xeral, o de todo o voluntariado da provincia que participou nela, así como a presenza das agrupacións que viñeron doutras provincias de España (de Alicante, Castela e León, Cantabria), algunha delas repetía como participante das xornadas”.

Fotos cedidas.

Ampliarase información sobre a xornada.

Back to top button