
Trives estrea pista de pádel, unha nova instalación ubicada no Patio de Santa Leonor, cun investimento de 47.976,50€. “A nosa aposta polo deporte, que á vez fomenta unha serie de valores de vida e unha vida saúdable, é firme e confírmase co traballo que dende o Concello estamos a facer para que a veciñanza de Trives conten con instalacións para desfrutar do deporte, agora, cunha nova pista de pádel que se une á pista multideporte que inauguramos o penúltimo día do ano 2022 no patio do CEIP P. Manuel Bermúdez Couso”, comenta a alcaldesa, Patricia Domínguez. Ademais de ser ambas de uso público (no caso da pista multideporte en horario non lectivo), tamén son gratuítas.
“Ademais seguimos a traballar na reforma do campo de fútbol O Agro. Son unhas instalacións que non se tocaran dende a década dos 80 e, atendendo ás peticións da veciñanza e dos usuarios, dende o Concello puxemos en marcha os trámites necesarios coa Xunta de Galicia e coa Deputación para poder melloralas”, explica a rexedora, que agarda poder comezar coas obras o antes posible. A reforma inclúe dotar ao campo de vestiarios e aseos adaptados para favorecer a inclusión de persoas con mobilidade reducida.
“O deporte, ademais dos beneficios obvios para a saúde física e tamén psicolóxica, promove tamén a integración social, fomenta valores coma a solidaridade, a tolerancia, o traballo en equipo, a disciplina… Pero tamén é un motor económico directo e indirecto, que axuda sen dúbida a manter vivo ó Concello, brindando así mesmo distintas posibilidades de ocio”, sinala Patricia Domínguez.
Fotos cedidas.
