CulturaCulturaÚltima hora

Nace a Asociación Cultural do Entroido de Mugares

Toén conta coa primeira asociación para impulsar o Entroido do concello, con sede no Centro de Interpretación do Entroido

 

O Centro de Interpretación do Entroido acollía na tardiña do 26 de outubro a presentación da Asociación Cultural do Entroido de Mugares, que nace “co gallo de seguir conservando, recuperando e promocionando o Entroido deste municipio. Un labor que comezou noano 2002 a Asociación de Mulleres Rurais Amencer de Mugares, en colaboración co Concello de Toén, recuperando os traxes característicos de Señoritas e Labardeiros, e máis tarde a figura do mazaruco e mazaruca”, explican os promotores da iniciativa, que reunía a numerosas persoas.

Ademais, durante a presentación realizábase un recoñecemento á importante aportación no labor de recuperación do Entroido da Asociación de Mulleres Ruraise e dun grupo de veciños, cunha pequena homenaxe feita con moito agarimo, que resultou moi emotiva. No seu decurso facíase unha lembranza especial a aquelas persoas que xa non están, pero participaban moito nesta festa.

 

 

Por outra banda, tamén se anunciaba como actividades para o próximo ano a de continuar celebrando o Martes de Entroido, recuperar as comedias o Domingo de Entroido, charlas, obradoiros, promoción do Entroido a nivel provincial e autonómico e a apertura do Centro de Interpretación unha vez ao mes.

A presentación contaba co apoio de representantes institucionais e políticos, de diversas asociacións do concello, as veciñas e veciños da zona e as adegas da contorna. O acto estaba amenizado por Irma Fernández ao piano e, ao final, os asistentes gozban dun aperitivo e dos cantos de As Cuncas do Son.

Fotos cedidas.

Back to top button