CarballedaConcellosÚltima hora

Carballeda de Valdeorras coloca paneis de fermosas fotos antigas da zona para cubrir os seus contenedores

Ademais de ser un xeito de embeler o espazo público, a alcaldesa di que "é un xeito de renderlle homenaxe aos nosos antepasados"

 

Manter un servizo básico, ao mesmo tempo que se embelece o espazo público e se pon en valor a historia do municipio a través de imaxes antigas. O Concello de Carballeda de Valdeorras vén de poñer e marcha un orixinal proxecto para cubrir os seus contenedores de recollida de lixo con imaxes históricas desta zona recuperadas e ampliadas.

“Creo que é unha forma de contribuír medioambientalmente a un servizo básico,de darlle unha harmonía e unha beleza que doutra forma é imposible, porque hai que recoñecer que os contedores non son bonitos, pero non podemos prescindir deles, entón pensouse nalgo distinto e fíxose unha preciosidade, contando cunha pequena subvención”, exlica a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González.

Entón comezou un proceso de búsqueda de imaxes de décadas atrás ligadas á historia do concello. E, como resultado diso, xurdín unha serie de paneis que comezaban a colocarse o pasado venres 25 de outubro nalgunhas zonas de Sobradelo polas que pasa o Camiño de Inverno e algún no Malecón.

“Son fotos moi antigas de xentes do pobo e de lugares do municipio, algunha ten 200 anos. Resultou complicado obter calidade das fotos, o certo e que tivemos que dar moitas voltas e custou, porque hai algunha que era case case de gravado…”, explica a rexedora.

 

 

A acollida da iniciativa entre a veciñanza foi moi boa. “O mesmo día que os empezaron a colocar comecei a recibir moitísimas mensaxes dos veciños. Sorprendeume a reacción espontánea de mandarme mensaxes, porque ademais eu non dixera nada para darlles unha sorpresa”, sinala María Carmen González.

Tras esta boa acollida, a alcaldesa adianta que, “visto o éxito, imos ir cubrindo pouco a pouco o resto de contenedores do concello, a medida que vaiamos tendo partida orzamentaria e, sobre todo material, fotos, que é o que estamos buscando. Nese senso, pedimos que se a veciñanza ten fotos antigas, que nolas faga chegar ao Concello. A idea é amplialo a todo o municipio e que cada pobo teña a súa propia historia. En realidade isto non deixa de ser unha homenaxe aos nosos antepasados, e sobre todo, volver a dar vida a xentes que aquí viviron e que estiveron durante moitos anos”.

Fotos cedidas.

Back to top button