SanidadeÚltima hora

Obradoiros sobre saúde bucodental en Valdeorras, primeiros auxilios en “Expofamilias” e actividades sobre diabetes centran a axenda comunitaria en novembro na provincia

A programación mensual inclúe seis actividades sobre prevención de condutas de risco, saúde bucodental, uso de inhaladores e alimentación infantil

Cedida.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras programa este mes de Novembro seis actividades comunitarias, entre as que destaca o obradoiro de primeiros auxilios «Pupas, sustos e outros desgustos» e «Matilda no cole», que terá lugar este domingo en Expourense, no marco de Expofamilia, asi como unha xornada de concienciación e prevención da diabete organizada polo centro de saúde da Ponte coincidindo co Día Mundial desta enfermidade.

A cita de Expofamilia celebrarase o vindeiro domingo 8 de novembro, ás 12.00 horas, en Expourense, coa participación de profesionais e voluntariado do programa Pupas. O encontro achegará os primeiros auxilios ás familias a través destas dúas propostas, adaptadas por tramos de idade, e que se desenvolven ao longo de todo o curso no marco das Escolas de Saúde.

Actividade física e diabetes na Ponte

O venres 13 de novembro, ás 11.00 horas, o equipo de atención primaria da Ponte, coa participación de Fisioterapia, desenvolverá unha actividade na zona do Tinteiro con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra este ano ese sábado. A proposta combinará unha ruta pola contorna do río, exercicios no parque biosaudable e unha charla de enfermería.

O centro de saúde da Ponte acollerá tamén, o mércores 18, ás 12.30 horas, un obradoiro para pacientes sobre o uso de inhaladores e terapia respiratoria. A sesión terá lugar na sala de xuntas e será impartida por Isabel Pereira e Francisco Mateo, profesionais de enfermería familiar e comunitaria.

 

 

Saúde escolar, bucodental e alimentación infantil

Este mércores 4 de novembro, o Centro de Saúde de A Carballeira levará levara o obradoiro de prevención de condutas de risco «A revolución teenager» ao CEIP Luis Vives, ás 10.00 horas. Participarán a pediatra Cristina Soler e José Manuel Álvarez Pena, enfermeiro especialista de familiar e comunitaria.

No Barco Valdeorras, o luns 16 de novembro, ás 16.00 horas, o salón de actos do Hospital Público de Valdeorras acollerá o obradoiro «Como manter unha boa saúde bucodental», a cargo de Yolanda Fernández González, hixienista dental do Barco e da Rúa.

Tamén o mércores 25 de novembro, ás 18.00 horas, o centro de saúde Novoa Santos, acollerá cunha sesión sobre alimentación complementaria na infancia impartida pola nutricionista Yasmin. Con elo péchase, pero non remata, a axenda deste mes a que se engadirán máis actividades pendentes de fixar data.

Back to top button