
Garantir un ambiente seguro e equitativo para todos os traballadores en empresas e organizacións, ten que ver co cumprimento que estas realizan da normativa laboral, cada vez máis crecente e cambiante no noso ordenamento xurídico. Esta mañá, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebraba unha xornada centrada na importancia do cumprimento normativo para que as empresas non só eviten sancións e problemas legais, senón tamén melloren a súa reputación e promovan unha cultura ética que respecte os dereitos dos seus empregados e empregadas.
O compliance laboral abarca políticas e procedementos para asegurar que as empresas cumpren con normativas sobre salarios, condicións laborais, igualdade de oportunidades, seguridade e saúde. Cumprir con estas normativas permite ás empresas evitar sancións, mellorar a súa imaxe #ante empregados e clientes, e promover unha cultura organizativa respectuosa dos dereitos humanos e laborais.
Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, presentou a sesión resaltando a importancia para as empresas da normativa laboral e o seu cumprimento, que ‘non só é unha obrigación legal senón tamén un investimento na seguridade e benestar dos traballadores e a integridade das empresas e un compromiso de responsabilidade social que é indispensable na economía actual’. A presidenta da confederación deu paso a Catarina Capeáns, relator de Vento Avogados e Asesores onde é socia responsable da área de Dereito Laboral, e profesional con ampla experiencia en normativa laboral e o seu cumprimento en contornas empresariais.
A relatora recolleu e analizou todas as obrigacións e procedementos internos que, conforme á normativa laboral vixente, resultan obrigatorios para as empresas, diferenciando entre aqueles obrigatorios para calquera empresa e os que requiren un número determinado de persoas traballadoras en persoal. Así mesmo, Catarina Capeáns fixo referencia aos procedementos que son de carácter voluntario para as empresas. A relatora destacou a importancia do cumprimento da normativa vixente para evitar sancións e mellorar a reputación no mercado. Subliñou igualmente que cumprir non só implica axustarse a leis, senón tamén promover unha cultura ética na que se respecten os dereitos e a dignidade dos empregados.

Entre as obrigacións legais repasou as medidas de prevención de riscos laborais, igualdade e non discriminación, ademais de protocolos para o uso de tecnoloxías e redes sociais. Lembrou que as empresas con máis de 50 traballadores deben implementar plans de igualdade e LGTBI, unha canle de denuncias e políticas contra o acoso laboral e sexual. Así mesmo, recalcouse a necesidade dun rexistro salarial anual e protocolos de desconexión dixital, medidas que buscan garantir o respecto ao descanso do persoal.
En canto á prevención do acoso, Capeáns recomendou ás empresas adoptar protocolos claros para investigar e xestionar posibles incidentes. Neste punto, subliñou a necesidade de protocolos específicos para previr e tratar casos de acoso laboral, sexual ou por razón de xénero, incluíndo a atención a posibles incidentes de acoso en contornas dixitais. As empresas deben ter políticas de “tolerancia cero” e establecer un protocolo de actuación que garanta a confidencialidade e o respecto cara ás vítimas, así como asegurar un ambiente laboral libre de represalias.
A relatora revisou tamén a responsabilidade penal das empresas en caso de incumprimento e abordou os delitos específicos contra os dereitos laborais, como impoñer condicións prexudiciais para os empregados, non formalizar contratos ou empregar a persoas sen permisos de traballo, o cal carrexa graves sancións.
Coas normativas en constante evolución, Catarina Capeáns finalizou recomendando ás áreas de Recursos Humanos manterse actualizadas, dado que os últimos anos experimentaron normativas crecentes. Entre os cambios previstos proximamente mencionou a redución de xornada sen redución salarial, novas regulacións sobre a desconexión dixital e maiores dereitos de conciliación laboral.
A charla resultou unha guía práctica para axudar ás empresas para entender e xestionar as súas obrigacións en materia laboral, garantindo un ambiente seguro e equitativo para todos os traballadores.