CulturaCulturaÚltima hora

Máis sabe o diaño por vello…

A propósito de “Alimañas” de Gargallada Teatro

 

As alimañas son bichos que comen outros bichos que non se dan defendido deles, poden ser tamén persoas malas, desprezábeis, de baixos sentimentos (diccionario da RAE), actualmente úsase moito a palabra tóxico/a, para salientar a manipulación que unha persoa pode exercer sobre alguén. Por estes dominios transita a nova comedia de Gargallada, estreada no Barco o pasado 1 de novembro, con repetición ao día seguinte, que obtivo o aplauso e os parabéns unánimes do público que encheu a platea nas dúas funcións.

Mara Ordaz, unha vella diva do cinema arxentino, vive na súa mansión xunto co seu home, que tamén foi actor, a guionista e o director cos que tiña traballado en moitos filmes. Uns e outros prodíganse en diálogos enxeñosos, cheos de indirectas, reproches e comentarios ocorrentes, acedos e até ferintes, é a súa maneira de estar e convivir, sen darlle maior importancia. Pasan as horas e os días entre as lembranzas dos tempos gloriosos e a persecución e caza dos bichos que menudean no vello pazo que habitan e que, coma eles, chegou á decrepitude. De pronto unha muller e un home, novos e ben vestidos, preséntanse ante os catro vellos como que están perdidos e precisan chamar por teléfono, realmente trátase de dous axentes inmobiliarios que farán todo o posible por engaiolar a histriónica Mara para que venda a súa morada e recupere a glamurosa vida social que merece unha estrela coma ela. Nesa tirapuxa vai estar o miolo da peza: o engano, a avaricia, a especulación carente de escrúpulos fronte á resistencia das catro vellas glorias do cine, cómplices e amigos (a súa maneira e malia todo), que han facer bo, no desenlace, o dito aquel de que máis sabe o diaño por vello que por diaño.

 

 

No teatro, explorar miserias da condición humana en clave de comedia é unha aposta que adoita ter os seus riscos. Que entre os gags que gañan a risa do espectador abrollen diálogos que invitan a reflexionar sobre as cousas que atinxen aos comportamentos, ten maior dificultade, cómprenlle os matices e un plus de esixencia na interpretación, require gañar a atención do público desde o primeiro minuto e facerlle entrar nos diálogos, para que a trama que se irá urdindo sobre o escenario consiga atrapalo.

Gargallada asumiu ese reto e creo que obtivo un resultado notable. Alimañas é unha comedia negra, explora conflitos e baixezas humanas nunha sucesión de diálogos intelixentes e divertidas escenas nas que as interpretacións están á altura. A peza irá crecendo en sucesivas representacións, como acontece no teatro sempre que hai uns alicerces acaídos, e neste caso hainos, e irá gañando en ritmo, superando as dificultades das numerosas transicións que hai que facer entre as escenas, e tamén ha mellorar na complicidade do público, unha vez que os actores comprobaron na estrea que podían conducir aos espectadores cara os adentros e as intencións do argumento.

 

 

Alimañas é unha adaptación libre do guión dos arxentinos José Martínez Suárez e Augusto Giustozzi, que o primeiro deles levou ao cine como director en Los muchachos de antes no usaban arsénico (1976) e que logo adaptaría Juan José Campanella en El cuento de las comadrejas (2019). A dirección de César Goldi e Manuel Caramés vai sacar o mellor dun elenco tan entusiasta como experimentado, darlle dinamismo á representación e acadar algo infrecuente no teatro afeccionado: que o nivel actoral resulte equilibrado e solvente no seu conxunto. Aurora Fernández, Xosé Luis Conde, Reyes Limia, Manuel Caramés, Carmen Hernández, Manuel González e Álvaro Baños son os encargados de darlle vida aos personaxes nesta historia divertida e intrigante sobre o ben e o mal que aniñan dentro dos bichos humanos, que nalgunhas circunstancias poden ser tan malignos como a peor das alimañas.

Texto: Gustavo Docampo.

Back to top button