
Ultímanse os preparativos para a XVI Carreira Popular dos Santiños, que se celebrará o domingo 17 de novembro no Barco de Valdeorras. E, que ademais, nesta edición terá unha importante novidade: será Copa Deputación Ourense de 5 Km en ruta.
Así, este evento deportivo será organzado pola Delegación en Valdeorras da Federación Galega de Atletismo (FGA) e polo Adas Cupa co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello de O Barco de Valdeorras. Nesta competición poderán participar atletas populares e atletas federados.
A inscrición será gratuíta e poderá realizarse a través da web carreirasgalegas.com ata as 23:59 h.do xoves, 14 de novembro de 2024. Os dorsais recolleranse no Estadio de Calabagueiros no espazo habilitado a tal efecto nos seguintes días e horario:
Sábado, 16 de novembro de 2024 – 19:00 a 20:00
Domingo, 17 de novembro de 2024 – 09:30 a 10:30
O punto de partida da carreira será ás 11h. diante do polideportivo de Calabagueiros, seguindo o circuíto habitual de 2,5 km ao que os Sub18, Sub20, Sub23 darán dúas voltas (5 km) e os Sub16 unha única volta. A competición é campionato provincial. Por outra banda, haberá carreiras das categorías da base a partir das 12h. nas pistas de atletismo.
Unha edición máis, a proba ten carácter solidario a beneficio de Cruz Vermella en Valdeorras e recolleranse xoguetes novos. O stand para a recollida do “Xoguete Solidario” estará no Estadio de Calabagueiros onde os atletas e calquera persoa, poderán doar o seu xoguete. O xoguete debe ser novo, educativo e non bélico nin sexista.