En Vilar de Santos tiña lugar este sábado a entrega do VII Premio Pedra Alta, que recollía o historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo “Miro”. O acto, ao que acudiron preto de 200 persoas, desenvolvíase na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do Concello.
Este recoñecemento concédeo anualmente a Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, como recoñecemento a aquelas persoas ou entidades cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio. O galardón é unha réplica, obra do escultor limiao, Xosé Lois Carreira, do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta.
No acto contábase coa presenza de Julio Prada, catedrático de Historia Contemporánea e Decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense; Pablo Sánches Ferro, director do Arquivo Historico Provincial; Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco; Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia; e de Javier Casares Mouriño, presidente do Liceo de Ourense, entre outras persoas.
Tamén acudían os alcaldes de Xinzo e Vilar de Barrio, a deputada provincial Elvira Lama, varios concelleiros da comarca e, por suposto, o alcalde de Vilar de Santos. Tampouco faltou o limiao, que forma parte da Biblioteca da Limia, Luis Álvarez Pousa, recentemente recoñecido co Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo e o autor da réplica da Pedra Alta, o escultor limiao, Xosé Lois Carreira.
O acompañamento musical, nesta xornada de reivindicación da memoria colectiva da comarca limiá, correu a cargo de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo, acompañados da directora e profesores do centro.
Unha vez rematada a actuación musical, tomaba a palabra o secretario do Padroado, Xoán Jardón, para darlle lectura á acta onde consta a concesión do Premio Pedra Alta de 2024 a Edelmiro Martínez Cerredelo. Despois, o decano da Facultade de Historia, en compañía da xunta directiva da asociación, entregoulle o premio ao galardonado, despois de facer unha louvanza do traballo de Miro, como historiador local de paso que deixaba constancia da necesaria simbiose entre Memoria e Historia.

Antes de escoitar a lección maxistral de Edelmiro Martínez Cerredelo, fixo a súa laudatio, o presidente do Centro de Cultura Popular do Limia e membro do Consello Asesor do Padroado, Manuel Seoane, quen detallaba a vida e obra do limiao agasallado co Pedra Alta de 2024.
Despois, Miro desenvolvía a súa lección maxistral sobre “A vida do guerrilleiro limiao Juan Sorga”. Martínez Cerredelo ilustrou aos presentes, narrando cunha pulcra e documentada minuciosidade, as actividades da guerrilla na comarca da Limia, onde Juan Sorga (Cortegada-Sarreaus, 1921) tivo un papel preponderante e mesmo documentou aos asistentes sobre a segunda vida deste loitador antifranquista, finado en Madrid en 2009, despois de andar fuxido varios por España e Francia.
Finalmente, o acto foi clausurado por Delfín Caseiro, presidente do Padroado, quen salientou o labor desta entidade na promoción da cultura limiá, amais de afirmar que este acto, o dos Premios Pedra Alta, é un dos máis importantes da Asociación do Museo da Limia, “que non deixa de apostar por facer país dende o espazo territorial no que desenvolve o seu labor: A Limia”.
Fotos cedidas.