
Conta atrás para a XI Festa da Pisa da Castaña en Purdeus-Chandrexa, “a única deste tipo na provincia de Ourense e que posúe un alto valor etnográfico, xa que as castañas sécanse, písanse e críbanse como se fixo historicamente, aproveitando a amabilidade dunha veciña que cede un sequeiro tradicional para que a veciñanza e visitantes poidamos gozar deste evento nun souto con castiñeiros centenarios”, destacan dende o Concello de Parada de Sil.
Desta volta a Festa da Pisa da Castaña, organizada polo Concello, está prevista para o sábado 16 de novembro, mantendo o esquema de anteriores edicións. Comezará ás 11:30h. coa recreación deste antigo labor. Ata o lugar da pisa serán levadas en sacos as castañas, que estiveron secándose durante varios días ao calor do lume e co fume, no sequeiro. Unha vez alí, por quendas de catro persoas, os sacos bateranse sobre un tallo de madeira nun ambiente festivo e animado pola música tradicional, ante a atenta mirada do público.

Acto seguido, os sacos iranse baleirando para dar paso ao abandoxado, outra parte do proceso na que se lle quita a segunda pel á castaña. Este froito, xa limpo, acostuma depositarse en cestos de madeira para que poida ser degustado polos asistentes.
De forma paralela á pisa, funcionará o Mercado Tradicional de Produtos, con gran diversidade de postos de gastronomía e artesanía. E, xa ás 14h., darase paso ao xantar popular, cun delicioso menú (cun prezo de 15 euros): cocido completo, lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, acompañados de bica, viño mencía/godello da D.O. Ribeira Sacra, auga, café e chupitos. Os tíckets xa están á venda nos bares de Parada de Sil e na Casa do Concello.
Esta festa forma parte do completo programa de actividades de outono do Concello de Parada de Sil.