CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

A “Morriña de estrelas” da pintora Lola Doporto, no Liceo de Ourense ata o 30 de novembro

Pode visitarse deste este 18 de novembro, se ben a súa inauguración está prevista para o día 22 deste mes ás 19:30h.

A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco)./ Foto: A.R.

 

A singular pintura de Lola Doporto regresa á cidade das Burgas da man do Mestre Mateo. Dende este 18 de novembro a artista natural de Millarouso (O Barco) expón no Liceo de Ourense “Morriña de estrelas”. Será a cuarta mostra individual de Doporto na capital, pero para ela resulta moi especial xa que, tan só 100 metros desta sala, saltaba a chispa creativa que daba lugar a este proxecto, que segue aínda vivo.

Anos atrás, nunha visita inesperada á catedral ourensá, a pintora descubría o Pórtico do Paraíso. “A luz entraba polo rosetón e ilumisnouno. Vin a fantástica restauración e unhas figuras e personaxes coloridos e lonxe do que eu pensaba que era a Idade Media, unha época triste e escura. Ese foi o punto de partida do meu interese polo Románico. A partir de aí viñeron visitas á catedral de Santiago para ver o marabilloso pórtico da Gloria”, conta.

Namorábase das cores e da vitalidade das figuras talladas polo Mestre Mateo, pero tamén da súa musicalidade. “El púxolle cor e alegría a ese pórtico. Así que tiña que pintalo”. Esta mostra, que se estreaba ante o público con gran éxito na Casa de Galicia en Madrid en novembro de 2022, recala agora en Ourense, onde poderá desfrutarse ata o vindeiro 30 de novembro. A súa inauguración está prevista para o 22 de novembro ás 19:30h.

“Quizais non existan as casualidades, pero aquí estamos nós, no punto de encontro dos tres camiños para poder gozar deste momento e desta mostra de Lola Doporto, que xunta Pazo, Pedra, Pórtico, Cor e Espátula, desde unha proposta cada vez máis serena, sen deixar de ser sorprendente e cun estilo propio xa consolidado”, tal e como indica J.A. Porto no folleto da exposición.

 

 

Paseando entre os arredor de 15 cadros de gran formato que compoñen “Morriña de estrelas”, o público, de seguro, quedará atrapado pola forza e maxia de personaxes como o bispo Teodomiro e o Paio de Libredón, representados con detalles, pero tamén deixarse levar pola evocadora sonoridade das pandereteiras no Campus Estellae e ata pola alma da tradición ourensá representada no afiador.

Figura que mesmo dan a sensación de saír do cadro, xa que na mostra poden verse ata catro maniquíes a tamaño natural, ambientados na etapa medieval. Dous deles visten, ademais, roupaxes antigos, con case un século de antigüidade, doados por Aurelio Blanco Trincado.

Esta mostra é un convite artístico para deixarse levar, paseniñamente, polos camiños da policromía e a beleza que vai máis alá do tempo da obra desta autora valdeorresa no Liceo de Ourense (rúa Lamas Carvajal, número 5).

 

Back to top button