
A sede da Deputación de Ourense acollerá, este luns, o evento no que se fará oficial o nomeamento de Orcera e La Iruela, ambos na provincia de Xaén, como Capital Española das Montañas para o ano 2025 recollendo así a testemuña dos catro concellos galegos que ostentaron o título en 2024: Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Trives e San Xoán de Río.
O acto, comezará ás 12.30h e contará coa participación do presidente da asociación esMontañas, Miguel Gracia, e varios alcaldes e membros da executiva de esMontañas, dos rexedores dos catro concellos ourensáns que compartiron a Capitalidade este ano e unha delegación xienense encabezada polo presidente da Deputación de Xaén, Paco Reyes, e coa presenza dos alcaldes de Orcera e La Iruela. Será o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o encargado de pechar o acto.
A elección de Orcera e La Iruela, como nova Capital da Montaña, tomouse na reunión da comisión executiva de esMontañas celebrada, recentemente, en Madrid. Por tanto, mantense a formulación de ‘capitalidade compartida’, como foi neste 2024, para abarcar non só un municipio senón todo un territorio.
Capital Española das Montañas
O proxecto de Capital Española das Montañas deu os seus primeiros pasos no ano 2019 para promover o desenvolvemento económico e social dos pobos de montaña a través dun municipio da asociación.
Durante un ano, o pobo elixido convértese en altofalante dos territorios de montaña e lidera todos os proxectos de alianzas e sinerxias entre as cidades e os territorios de montaña. Morella (2019), Aínsa (2020-2021), Sobrescobio (2022), Candelario (2023) e Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Trives e San Xoán de Río, foron as localidades que ostentaron este título desde entón.