
Antes mesmo de ser inaugurado, o aparcamento de camións do Polígono de San Cibrao vén de lograr a prestixiosa certificación ouro do estándar europeo para zonas de estacionamento seguras, despois de superar unha rigorosa auditoría levada a cabo por DEKRA, a maior organización independente e non cotizada do mundo en ensaios, inspección e certificación. A de ouro é a segunda máxima certificación en matera de seguridade e servizos da Unión Europea, tal e como vén de anunciar a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.
Deste xeito, o recoñecemento sitúa ao aparcamento de San Cibrao entre as instalacións de máis alto nivel de seguridade en Europa, “grazas á implementación de medidas que garanten a protección de condutores e vehículos, á vez que ofrecen unha experiencia cómoda e completa”.
Cunha superficie de 11.200 m² e capacidade para 59 camións, as instalacións destacan por un sistema de videovixilancia 24/7, control de acceso automatizado, iluminación de alta intensidade (25 lux) e persoal de seguridade capacitado conforme ás normativas europeas. Ademais, conta con duchas, aseos, wifi, lavandería e unha sala de descanso equipada para os transportistas.
Entre as medidas de seguridade implementadas inclúense un cerramento perimetral de dous metros, cámaras estratexicamente situadas para eliminar puntos cegos e un sistema de recoñecemento de matrículas. O aparcamento tamén ofrece acceso a servizos esenciais como bicicletas para desprazamentos locais e conexión eléctrica para camións.
Un estándar que “eleva o nivel dos aparcamentos en Europa”
A certificación forma parte dun novo estándar impulsado pola Comisión Europea, que clasifica os aparcamentos segundo catro niveis: bronce, prata, ouro e platino. Este sistema ten como obxectivo fomentar infraestruturas máis seguras para o transporte por estrada, respondendo as necesidades dos transportistas e mellorando as condicións laborais no sector.
“O nivel ouro, segundo máximo recoñecemento, avala que o Polígono de San Cibrao cumpre con criterios como barreiras de protección, prevención de intrusións, asistencia 24/7 e medidas inclusivas para garantir a seguridade de todos os usuarios”, indica a asociación de empresarios.
Compromiso co benestar dos e as transportistas
A aposta por un deseño inclusivo e a perspectiva de xénero é outro dos piares deste aparcamento. As instalacións contan con aseos diferenciados e adaptados, produtos de hixiene dispoñibles e sinalización que fomenta a igualdade e a seguridade das mulleres transportistas.
“Este logro subliña o compromiso do Polígono de San Cibrao coa excelencia en seguridade e servizos, posicionándoo como un referente nacional e internacional para a loxística de mercadorías. A certificación outorgada por DEKRA reforza a súa capacidade para ofrecer espazos que satisfán os máis altos estándares europeos, consolidando a súa importancia estratéxica para o transporte terrestre”, indican dende a asociación de empresarios.