
Esta tarde dúas persoas tiñan que ser excarceradas polos equipos de emerxencia en dous accidentes diferentes que se producían no municipio de Cartelle con media hora de diferenza. O primeiro deles sucedía sucedeu vinte minutos antes das 14:00 horas. O particular que alertou ao 112 Galicia indicou que un vehículo sufrira unha saída de vía e quedara envorcado, cunha persoa sen poder saír do seu interior.
“Decontado, os xestores do 112 Galicia avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Terras de Celanova, á Garda Civil de Tráfico e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Cartelle e de Terras de Celanova. Os membros do GES acudiron ata o lugar do accidente, no quilómetro 11 da OU-404, onde tiveron que empregar o material de excarceración para liberar á muller ferida, a cal sería trasladada polo persoal sanitario”, segundo informa o 112 Galicia.
Media hora máis tarde, os servizos de emerxencias da zona recibían o aviso do outro accidente, sucedido nunha estrada de Espiñoso, que comunicaba coa OU-404. Segundo a información recollida polo 112 Galicia, ocorrera outra saída de vía cunha persoa atrapada dentro do coche, aínda que se atopaba consciente.
Os membros do GES achegáronse ata o lugar do segundo accidente para excarcerar á persoa implicada. Logo diso, o ferido sería trasladado en ambulancia ata o hospital de referencia.