CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Colección de instrumentos de raíz da aldea da Seara (Quiroga) xa ten horario de visitas

Instrumentos expostos neste centro./ Foto: O SIL.

 

A Fundación Legar abría no pasado mes de novembro o centro que alberga unha colección de instrumentos de raíz na aldea da Seara (Quiroga). Tras esta inauguración este museo que acolle o legado do músico e investigador Xavier Blanco xa ten horario de visitas, tal e como se vén de facer público dende o Concello de Quiroga.

O horario de apertura será de venres a domingos e tamén os festivos. Os venres o horario de apertura será de seis da tarde a oito do serán. Os sábados pola mañá abrirá dende as dez ata a unha do mediodía e pola tarde dende as catro ata as oito do serán. Os domingos o horario de apertura será pola mañá dende as dez ata as dúas.

As visitas, dunha hora de duración, realizaranse sempre con guía polo que se farán grupos de polo menos cinco persoas sendo obrigatoria por tanto a reserva previa a través dos teléfonos 622.83.22.27 e 667.38.05.73.

 

 

 

Os creadores deste proxecto, Xavier Blanco e Martina Ferradás, non queren chamarlle aínda a este espazo museo ata que estea completado, pois polo de agora non van mostrar os máis de 1.200 instrumentos musicais tradicionais recollidos por toda Galicia.

Este centro é a primeira parte dun proxecto que tamén comprende a realización de obradoiros nos que se mostrará como se tocan e como soan estes instrumentos e onde os visitantes poderán aprender a tocalos; haberá tamén obradoiros de restauración e de reprodución de instrumentos tradicionais. A última parte do proxecto será a creación dun arquivo musical, xa que contan con máis de 35.000 gravacións e numerosas partituras.

Back to top button