Arredor dun emblemático froito de outono galego e da tradición, xunguíndoa coa música, a gastronomía e a artesanía xira a XXV Festa da Pisa da Castaña Seca de Froxán (Folgoso do Courel), que se celebra neste 7 de decembro cunha multitudinaria participación. Como vén sendo costume, iniciábase co acendido do sequeiro ás 11h. e coa súa apertura para que os visitantes poidan coñecer o proceso tradicional de secado deste froito de outono.
Ás 12h. dábase paso á demostración de pisado e abandoxado, animado polo grupo de música tradicional AIKIRINDO. Xa para as 13:30h. está previsto o pregón, a cargo nesta ocasión do cantautor verinés Emilio Rúa. Xa ás 14h.presentaranse os libros “Animais fantásticos de aldea” e “Galicia latente”.
Deseguido, tiña lugar a presentación da recentemente creada Asociación Galega das Castañas e dos Soutos na que intervirá o seu presidente e membros da xunta directiva.
O programa festivo continuaba ás 14:10h. co xantar do “Menú do Pisador” (cun prezo de 15 euros), composto por castaña seca cocida, panceta, chourizo e tarta de castaña. Para as catro da tarde está previsto o sorteo dunha gran cesta e outros agasallos.

A celebración continuará ás 16:30h. con novas demostracións de pisa e abandoxado, nas que pode participar o público. A partir das seis haberá foliada libre e a fin de festa está prevista para as 20h.
Ademais ao longo da celebración haberá carpa e servizo de pulpo e churrasco, unha mostra con postos de artesanía e produtos da zona. Esta festa está organizada novamente pola Asociación Fonte do Milagro.
Fotos e vídeos: O SIL.
