CarballedaConcellosÚltima hora

Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) estrea mercadiño de Nadal os días 14 e 15 de decembro

Ao redor del, desenvolveranse actividades dirixidas a todos os públicos e tamén haberá reparto de chocolate quentiño

 

O Concello de Carballeda de Valdeorras prepárase para abrir, con moita ilusión e un amplo programa, o seu primeiro mercadiño do Nadal, que se desenvolverá os días 14 e 15 de decembro. Ao redor del, desenvolveranse actividades dirixidas a todos os públicos.

O sábado 14, ás 16:00h o mercadiño abrirá as súas portas. Comercio, licores, artesanía, agasallos e música en vivo daranse a man para dar a benvida ao Nadal. As Pamisuki porán a nota musical cun espectáculo lúdico dirixido especialmente aos máis pequenos da casa, coa participación dos maiores. Pola noite, ao redor das 23:00h, o Patio de Leni ofrecerá un concerto para que mozos e maiores gocen de boa música e ambiente.

Xa o domingo 15, ao redor das 12:00h poderase gozar de música tradicional con pasarrúas incluído e, pola tarde, ás 16:00h. Pulpiño Viascón, o home orquestra, amenizará a visita e as compras no mercadiño coa súa divertida música. Tanto o sábado como o domingo, repartirase chocolate quente para quen o desexe.

“O obxectivo principal é mesturar lecer e economía para relanzar o comercio tradicional que está a sufrir retroceso ante a competencia das grandes superficies e das compras por internet. É importante valorar o servizo público do comercio nos pobos e animar aos veciños para manter este ben social na comarca de Valdeorras”, sinala a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González.

Back to top button