
Novo rostro á fronte da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras. Esta entidade celebraba na tarde do 12 de decembro unha asemblea na que se facía balance da súa actividade e se renovaba a súa directiva. Así resultaba escollido presidente Marcos Prada Ginzo, repesentante de Adega Melillas e Fillos S.L., que preside tamén o CRDO Valdeorras. Deste xeito Prada Ginzo pasa a ocupar o cargo no que ata agora estaba Joaquín Sánchez, e liderará unha nova etapa da ruta “co obxectivo de manter e potenciar o crecemento alcanzado nestes anos”.
A Asociación Ruta do Viño Valdeorras celebra 15 anos de historia, “consolidándose como un referente no ámbito do enoturismo e a promoción cultural da comarca. Este fito é froito do esforzo colectivo dos seus 51 socios”, que inclúen unha ampla variedade de actores: 9 membros de administración pública, 18 adegas, o Consello Regulador, 2 guías, 2 vinotecas, 1 axencia de viaxes e 17 representantes da hostalería e o lecer, tal e como destacan dende a entidade. “Este modelo colaborativo foi clave para o seu éxito e crecemento sostido”, engaden.
Crecemento e participación
Nestes anos, a participación nas actividades da ruta creceu exponencialmente. Das 392 persoas en 2019, chegouse a 1.643 participantes en 2024. Este incremento reflicte o interese crecente polas actividades da asociación e polo enoturismo en Valdeorras. Eventos como catas con maridaxes innovadoras —que inclúen a poesía e o cinema—, showcookings, paseos entre viñedos e roteiros en bicicleta capturaron o interese dos visitantes.
Innovación e diversificación de actividades
A asociación apostou pola creación de experiencias enoturísticas, destacándose en:
• Cursos de enoturismo vinculados á gastronomía.
• Marchas BTT e concursos de fotografía.
• Organización da Primavera de Portas Abertas dos Roteiros dos Viños de Galicia.
• Produción do documental “Covas de Valdeorras”, que celebra a historia e tradición vitivinícola da rexión.
Proxección e colaboracións
No ámbito institucional, a asociación incorporouse á Clúster de Turismo e ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), fortalecendo a súa capacidade de acción. Ademais, participou en feiras e eventos internacionais como Fitur, onde presentou materiais promocionais de alta calidade, incluíndo vídeos e presentacións innovadoras que posicionan a Valdeorras como un destino enoturístico de referencia.
Reflexión, futuro e novos cambios
Estes 15 anos foron “un período de aprendizaxe, innovación e compromiso coa promoción de Valdeorras. Mirando cara ao futuro, a asociación está comprometida con continuar diversificando a súa oferta turística, fomentando a sustentabilidade e fortalecendo as colaboracións para seguir atraendo a un público cada vez máis amplo e diverso”, indica a asociación.
Dende esta entidade tamén se manifesta “o seuo máis sincero agradecemento ao presidente saínte, Joaquín Sánchez, polos seus anos de servizo como presidente da ruta. A súa dedicación e esforzo foron fundamentais para o crecemento e éxito da asociación”.