CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Coro Santa Rita do Barco inicia un intenso calendario de actuacións neste Nadal

O Coro Santa Rita nunha das últimas actuacións./ Foto cedida.

 

Neste Nadal o Coro Santa Rita do Barco levará, a través da súa música e ilusión, o espírito festivo propio destas datas a diferentes puntos de Valdeorras e de zonas próximas. Será unha ruta de actuacións que comezará esta tarde, a partir das 18h., na residencia da terceira idade de Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras). “Interpretaremos villancicos, pero tamén outro tipo de cancións tradicionais e populares ben coñecidas polas persoas maiores, como “A Rianxeira” ou “O sacristán de Coímbra”, para que tamén o público nos poida acompañar e se divirta”, adiantan dende esta formación coral que dirixe Silvina Bravo.

O seu percorrido continuará o vindeiro 22 de decembro na residencia Os Pinos (A Rúa) ás 17h. e, despois, ás 18h. actuarán na residencia da Sobreira (Vilamartín de Valdeorras), co mesmo repertorio antes comentado.

Ademais, o Coro Santa Rita será unha das formacións que participarán no certame de villancicos que terá lugar o 18 de decembro, dentro da celebración de Nadal na igrexa de Santa Rita do Barco, que comezará ás 18:30h.

Outra das citas deste Nadal para o Coro Santa Rita será o XXV Certame Navideño de Villancicos de Ponferrada, con 9 corais participantes, das cales a única galega será a valdeorresa. Será o 21 de decembro ás 17:30h. na igrexa da parroquia San Pedro da cidade berciana. Nesta actuación interpretarán dúas pezas, ambas villancicos.

Back to top button