EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A inseguridade no Parque Industrial da Raña (O Barco), abordada na asemblea anual da súa asociación de empresarios

A reunión concluía cunha "pinchada" na que se daba as grazas a un membro fundador da asociación, como foi Aluval Valdeorras, que pecha as súas portas este ano por xubilación

 

A Asociación de Empresarios do Parque Industrial da Raña (O Barco) celebraba na tarde do 17 de decembro a súa asemblea ordinaria anual, que reunía á maioría dos asociados, 14 das 18 empresas agrupadas á entidade.

A asemblea desenvolvía nas Instalacións de Cubertas Hnos Blanco e no seu decurso dábase conta de todo o relacionado cos logros e peticións aínda pendentes desta andaina. Así na orde do día atopábanse temas controvertidos como a inseguridade na zona, “dados os intentos de roubo e inhibicións de alarmas, que culminaron coa decisión de propoñer, a quen corresponda, cámaras para controlar a entrada e saída do Polígono”.

Outro tema que seguía “pendente desde o remate das obras de mellora do polígono que se levaban a cabo o ano pasado é o estado un tanto precario no que quedaron os cartelóns publicitarios, no que se seguirá facendo fincapé unha vez máis”, indican dende a entidade.

Así, un ano máis, na asemblea comentábase “a falta de que funcione a instalación de auga industrial, dado que o consumo que se dá nas naves considérase de consumo doméstico, tema que queda pendente para xestionar no 2025”.

Así mesmo, tomábanse en conta os agradecementos “a Xestur e ao Concello, polo tempo que dedican ao Polígono, anotando as deficiencias que aínda subsisten para entregalas ao Concello como petición no novo ano”.

Unha vez rematada a asemblea, o acto pechábase cunha “pinchada”, acompañada con viños valdeorreses, no decurso da cal se aproveitaba para dar as grazas a un membro fundador da asociación, como foi Aluval Valdeorras , que pecha as súas portas este ano por xubilación. Os socios pechan o ano con bo sabor de boca e agradecendo o labor da asociación.

Foto cedida.

Back to top button