DeportesÚltima hora

Cinco equipos do Adas Cupa do Barco, na fase final do XII Trofeo Abanca de pista cuberta

Nesta competición mediranse na pista de Expourense 700 atletas galegos das categorías Sub10, Sub12 e Sub14, masculinas e femininas

Foto: Club Adas.

 

O vindeiro sábado 21 de decembro a instalación cuberta de Expourense recibirá a gran festa do atletismo base da man do XII Trofeo ABANCA. Un total de 17 equipos clasificados por estadillo e máis de 700 participantes das categorías Sub10-Sub12 e Sub14 serán os que tomen parte nesta nova edición que por volume e cantidade, pasa por ser a máis numerosa do calendario oficial de probas da Federación Galega.

Entre a relación de equipos participantes destaca a presenza do Club ADAS CUPA do Barco, o C.D. La PurÍsima, Sociedad Gimnástica de Pontevedra e C. Atletismo Narón que consiguiron clasificar a un total de cinco equipos dos seis posibles.

Así o club valdeorrés ten clasificados aos seguintes equipos nesta cita: o feminino Sub12, o masculino Sub12, o Sub10 e o Sub10 masculino, así como o Sub14 masculino.

O circuíto de pista curta ABANCA arrincaba no ano 2012 disputándose en modalidade individual, que daba paso xa no 2014, ao formato por clubs que coñecemos na actualidade.

Durante todos estes anos tan só na edición do ano 2020 deixábase de disputar pola pandemia, sendo o Club Atletismo Vila de Cangas o conxunto que máis títulos acumula cun total de once. O Adas Cupa con nove e Ourense Atletismo con oito, siguen aos cangueses no ranking por equipos.

Aprendizaxe e experiencias

Malia que haberá trofeos para os tres primeiros clubs de cada categoría, a base fundamental do Trofeo ABANCA “é a de facer que a canteira do noso atletismo disfrute dunha experiencia deportiva na que motivación, aprendizaxe, deportividade e competición estén presentes ao longo de toda a xornada”, destacan dende a Federación Galega de Atletismo.

O trofeo disputarase en dobre xornada dando comezo desde as 10:30 ata as 14:10 horas para as categorías Sub10 e Sub12.  Pola tarde poderemos presenciar as actuacións das Sub14 que estarán en pista desde as 16:30 ata as 20:00 horas.

Back to top button