Cunha asemblea do Consorcio de Augas de Valdeorras iniciaba esta mañá de 19 de decembro o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, unha intensa axenda en Valdeorras, que incluía tamén a sinatura da acta de entrega da estrada de San Vicente ao Concello de Vilamartín e un encontro co presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, entre outras reunións.
“Voltamos a estar de novo no Barco, na sede da Deputación (na Casa Grande de Viloira, O Barco) nunha xornada ampla”, dicía Menor, destacando que estas visitas a Valdeorras “cada día son máis produtivas, a rodaxe dos temas está moito máis engraxada, resulta plenamente satisfactoria e permítenos un contacto moi directo cos reprsentantes tanto políticos, neste caso os alcaldes, que cada vez que vimos estamos con todos; e tamén con outras entidades sexan de tipo cultural ou socioeconómico”.
No decurso da reunión do Consorcio, que contaba coa asistencia do director xeral de Augas de Galicia, aprobábanse os orzamentos para o vindeiro ano, con modificacións de ordenanzas cunhas pequenas subas inferiores ao IPC, que ascenden a 1,8 millóns de euros, un 2,63% máis que o anterior.
Tamén se abordaban diversas actuacións de cara ao futuro e plantexábase “avanzar nun proxecto de investimentos que imos a ultimar nos vindeiros días e que será remitido tanto a Augas de Galicia como á Confederación Hidrográfica”, indicaba Menor.

Menor destacaba o “carácter absolutamente pioneiro do Consorcio de Augas de Valdeorras e ogallá tiveramos moitos consorcios como este que nos permitan unha solución integral de dous servizos básicos como é o saneamento e abastecemento de augas”.
Así mesmo, facía un balance “altamente satisfactorio” do labor da Deputación en Valdeorras porque “aquí tratamos os problemas da comarca na comarca e vén a institución aquí a coñecer de primeira man a súa problemática, que se plantexa en reunións aquí e logo imos sobre o terreo a velo, ben visitando concello ou realizando diversas actuacións. Dunha das cousas que máis orgulloso me sinto é de poder cumprir nesa promesa que fixen na sesión de investidura. Ademais estamos facendo que este proceso funcione. Cando vimos aquí traemos unha orde do día, pero ao mesmo tempo, van xurdindo cousas novas”.
Menor destaba o dinamismo de Valdeorras, “unha comarca pola que temos que apostar e reivindicar esas eivas que ten, por exemplo, facemos esa reivindicación ás administracións en aras das infraestruturas, porque todos sabemos que ese é o gran déficit que ten. Segue sendo unha comarca de difícil acceso nos tempos nos que estamos”.
Fotos: O SIL.