
A Policía Nacional dálle nome desde hoxe á glorieta situada nas proximidades da súa sede na cidade. Esta mañá tivo lugar o acto no que se descubriu o monolito conmemorativo polo que se leva a efecto o acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense do día 14 de novembro de 2024, de denominar oficialmente “Glorieta da Policía Nacional” a rotonda que serve de conexión entre a rúa Curros Enríquez e a Avenida Otero Pedrayo, fronte á Comisaría da Policía Nacional de Ourense (Rúa Mestre Vide, 4).
No acto paricipaban o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o comisario xefe provincial, Juan Cástor Vázquez Salgado e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como o subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos. Tamén asistiron representantes de diferentes grupos políticos municipais, así como da Subdelegación do Goberno en Ourense, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, entre outras entidades
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, poñía en valor a homenaxe da cidadanía ourensá á Policía Nacional ao dedicarlle o nome da glorieta anexa á comisaría da cidade. O delegado presidiu esta mañá a inauguración, na que estivo acompañado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o xefe superior da Policía de Galicia, Pedro Pacheco; o comisario provincial de Ourense, Cástor Vázquez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Pedro Blanco agradeceu á veciñanza ourensá e ao seu Concello a sensibilidade amosada ao aprobar esta proposta, que honra ao corpo da Policía e a todas e todos os seus axentes. “Non se me ocorre mellor maneira de rematar este 2024, onde a Policía Nacional desta cidade cumpre un dobre aniversario: o dos 40 anos da súa comisaría e o bicentenario da súa creación”, manifestou o delegado.
“Esta homenaxe logra que Ourense estea un pouco máis preto dos homes e mulleres que forman a Policía e que protexen esta cidade”, subliñou Pedro Blanco, quen destacou o feito de que Ourense se converta, co nomeamento desta glorieta, coñecida ata agora como “a das pirámides”, no primeiro concello galego en contar co nome da Policía no seu rueiro, “pasando a formar parte da historia desta Comisaría e da Policía Nacional en Galicia”.
Pola súa banda, o alcalde destacou na súa intervención que este acto supón “plasmar de forma oficial o que xa é unha realidade na cidade de Ourense, onde moitísima xente coñece xa esta glorieta como a da Policía Nacional. Entendemos que o nome non só é apropiado para reflectir unha realidade senón que tamén fai honor a un corpo, o da Policía Nacional ao que queremos render especiais honras por todo o seu labor e traxectoria” durante estes 200 anos. O rexedor subliñou a grande colaboración que a Policía Nacional mantén coa Policía Local de Ourense, “coa que estamos conseguindo desde hai décadas que Ourense sexa unha das cidades máis seguras de España”.
Con este recoñecemento, o Concello de Ourense quere sumarse aos actos que durante este ano se desenvolven con motivo da celebración do 200 aniversario da creación deste corpo, que coincide ademais co 40 aniversario das súas instalacións na cidade.