OurenseÚltima hora

A obra da pintora barquense Lola Doporto xa viaxa polo mundo en forma de selo e tarxeta prefranqueada

 

A sempre sorprendente e engaiolante obra da pintora Lola Doporto, capaz de fusionar tradición e modernidade e sempre cunha gran forza cromática, reflectindo a esencia galega cunha mirada contemporánea. dá un paso máis. Salta novamente do lenzo para, nesta ocasión, converterse en selo de correos e nunha tarxeta prefranqueada, poder viaxar polo mundo. Así dous dos seus cadros veñen de ser escollidos como imaxe dun selo e dunha postal.

Ambos presentábanse esta mañá en Ourense, e xa entran en circulación, nun emotivo acto no que se rendía así mesmo homenaxe ao recentemente falecido artista e afiador, Florencio de Arboiro (San Xoán de Río), no que a artista estaba acompañada polo presidente da Sociedade Filatélica Miño, José Barros; a xerente do Inorde, Emma González; a vicesecretaria de FESOFI, Marila Abad; o director da Oficina Principal de Correos de Ourense, Orlando Cidy; o concelleiro de Deporte, Mocidade e Participación Cidadá do Concello do Barco, Aurentino Alonso, así como a viúva de Florencio de Arboiro.

Ver vídeo do momento no que se descobren os selos e a tarxeta

A obra escollida para o selo é “O gaiteiro de Penalta”, exposta por primeira vez no Mosteiro de San Salvador de Celanova, facendo unha chiscadela a Curros Enríquez. Por outra banda, a tarxeta ilústrase con o cadro “O Afiador”, co que se quere render unha homenaxe ao recentemente falecido Florencio de Arboiro, natural desta localidade de Río e o maior coleccionista de rodas de afiar que dedicou a súa vida para poñer en valor este tradicional oficio ourensán. Ambos cadros pertencen á exposición “Morriña de Estrelas”, coa que a creadora xa percorreu varias cidades, entre elas Madrid e Ourense.

 

 

“É un descubrimento coñecer a Lola, sorprende a súa obra a súa forma de pintar. E a nós encantounos emocionar a través destas obras”, dicía o director da Oficina Principal de Ourense. No acto tamén interviña, entre outras persoas, a xerente do Inorde, quen poñía en valor o traballo da Sociedade Filatélica Miño, “que remata o ano cun acto moi especial” e tamén agradecía a colaboración de Correos neste proxecto”, así como o labor da pintora, “por esa sensibilidade manifesta, máis alá da calidade artística, de aspectos tan destacados da nosa etnografía e que simbolizan e representan a Ourense universalmente como son a figura do afiador e o gaiteiro”.

Tanto o selo como a tarxeta postal poden adquirirse, entre outros lugares, no Barco, en concreto no Estanco situado xunto ao Hospital Valdeorras, a un prezo de 2 euros o selo e de 3 euros a postal (xa franqueada).

Fotos cedidas.

Back to top button