Dende as 18h. desta tarde o son da música e a apertura da oficina de dorsais e inscricións marcaba o inicio da 17ª Carreira Solidaria do Turrón no Barco, cuxo escenario principal era a praza Andrés de Prada da vila. Creatividade, moita cor, ilusión e bo humor enchían as rúas do centro do Barco a partir das 19:30h. co inicio da carreira infantil, que saía dende a Fonte da Ra, no Malecón, e remataba nun arco vermello situado na praza Andrés de Prada.
Despois, ás 20h., era a quenda da carreira popular. Persoas de diferens idades, cativos e mesmo mascotas participaban nesta cita non competitiva que discorre por un circuíto que tras saír de Andrés de Prada continúa pola estrada xeral (rúa Marcelino Suárez e avenida Conde Fenosa), xirando logo en Abdón Blanco rumbo ao Malecón, onde se continúa un tramo cara abaixo, dando a volta nas proximidades do novo parque infantil, e, despois, xirando para subir polo Malecón ata Andrés de Prada. Os participantes podían dar unha, dúas ou tres voltas correndo ou camiñando.
Nesta edición son máis de 1.400 as persoas inscritas de forma anticipada, segundo os datos da organización en mans da Concellería de Deportes do Barco. A ese número había que sumar as persoas que se anotaban xusto antes da carreira, aínda que neste caso non tiñan dereito a participar nos sorteos de agasallos que se realizan entre os participantes, segundo o Concello do Barco.
Finalmente eran máis de 1.500 persoas as participantes na edición deste ano, segundo sinalaba o alcalde do Barco, Alfredo García, durante o evento.
Velando pola seguridade e controlando o tráfico durante o percorrido desta carreira, organizada polo Concello do Barco, estaban a Policía Local e Protección Civil.
Este evento deportivo tamén ten carácter solidario, o seu obxectivo “prioritario o de recadar alimentos para o Banco de Alimentos do Barco”.
Fotos e vídeos: O SIL.
