
Dobre presentación este venres, 27 de decembro, no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Así, a partir das 19h. presentaranse, baixo o título conxunto de “A cultura da saúde no entorno rural”, os libros “A saga das curandeiras” de Marisa Castro e “A inmoral doutora Cons” de Roberto Fernández Álvarez.
A novela “A saga das curanderas”, ópera prima desta recoñecida bióloga galega, presenta a Rosalía Carcedo, unha curandeira a través de cuxa vida convida ao lector a facer unha viaxe durante a primeira metade do do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban.
A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación «in situ» sobre o tema, e axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.
Por outra banda, o médico Roberto Fernández, estréase tamén na novela con “A inmoral doutora Cons”, coa que ganou o premio Blanco Amor no 2022.