
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello de A Pobra de Trives asinaron unha adenda modificativa ao convenio inicial do 10 de outubro de 2023 para financiar e executar as obras de construción dunha senda no río Fiscaíño, tal e como vén de facer público o Concello de Trives.
Os cambios aprobados “responden ás dificultades topográficas detectadas, que obrigan a ampliar a lonxitude da senda de 1.165 metros a 1.643 metros e a utilizar pavimentos máis resistentes para garantir a súa durabilidade fronte a crecidas do río. Como consecuencia, o investimento total increméntase dos 195.000 previstos inicialmente para a execución nas anualidades de 2023 e 2024, a 650.000 euros con prazo de execución ata 2026”, tal e como informa o Concello.
Detalle do financiamento
- CHMS: Achegará o 80 % do orzamento total, cunha contribución de 520.000 euros.
- Concello de A Pobra de Trives: Contribuirá co 20 % restante, equivalente a 130.000 euros.
A nova planificación establece a conclusión das obras en 2026, co seguinte cronograma de anualidades:
- 2024: 18.137,90 euros
- 2025: 176.862,10 euros
- 2026: 455.000,00 euros
Esta iniciativa supón “un avance significativo na mellora das infraestruturas locais, garantindo un espazo accesible e sostible para veciños e visitantes do concello trivés. Esta adenda entra en vigor tras a súa publicación no BOE e a inscrición no Rexistro Electrónico Estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación”, indica o Concello..