CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Os Fachós de Castro Caldelas, unha das tradicións de culto ao lume máis singulares de Galicia, o 19 de xaneiro

O Concello vén de facer público o programa desta celebración, declarada festa de interese turístico galego

 

Castro Caldelas prepárase para unha das súas celebracións máis senlleiras: a Festa dos Fachós. Celebrarase o 19 de xaneiro, na véspera do San Sebastián. Este ritual de chamas comezará arredor das 19:30h, entre o “lusco e fusco” coa caída do sol e prolóngase durante a noite, converténdose nunha das tradicións de culto ao lume máis representativas de Galicia.

A festa consiste nunha procesión na que saen do Santuario dos Remedios centos de “fachós” que percorren o casco histórico da vila, arrodeando o Castelo e facendo o percorrido en plena escuridade (soamente o Castelo conserva a súa iluminación ornamental). A procesión vai presidida por un fachón de un mínimo de 30 metros por detrás da imaxe do santo, feita de palla ao igual que os fachós.
Remata o percorrido no punto de partida: o adro do santuario, onde se queiman todos os restos nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador en medio do toque de campás.

As orixes da tradición

Pese a que a Festa dos Fachós é una tradición ancestral, non se pode determinan a súa orixe con certeza. As primeiras referencias escritas das que se ten constancia son do ano 1751, sendo una das celebracións máis antigas de Galicia. “Sobre os orixes da Festa dos Fachós de Castro Caldelas hai escritos que falan das tradicións celtas relacionadas có lume, antes de ser cristianizado asimilado ó culto a San Sebastián. O escritor ourensán Vicente Risco relaciona esta festa cós ritos celtas de culto ao sol. Outra hipóteses apunta ao século XVIII para referirse ao orixe do ritual, cando unha peste de cólera asolou a comarca caldelá, foi entón cando os veciños rogaron a San Sebastián e San Roque para que intercederan e remataran coa enfermidade, facendo unha fogueira para queimar as pertenzas dos infectados”, tal e como se informa dende o Concello de Castro Caldelas.

Finalmente, outra tradición vincula a orixe da celebración á conmemoración da busca que fixeron os cristiáns para atopar o corpo do santo a noite que foi martirizado.  “As diversas hipóteses que pretenden explicar a orixe da festa desde una óptica local teñen escasa fiabilidade histórica, sen embargo resultan interesantes como interpretacións populares. A pesar da incerteza do seu orixe a festa inunda a noite da vila Caldelá nun ambiente especial e único”, prosegue o Concello, matizando que, “antigamente a elaboración dos fachós facíase coa palla da sega, que se obtiña despois de sementar o centeo e segar. Actualmente esta práctica foise perdendo hasta quedar en desuso, polo que un dos inconvenientes para seguir mantendo esta tradición é a falta de palla para facer os Fachós.
Por elo o Concello de Castro Caldelas é o que se encarga de sementar cada ano o centeo, de segar, carrexar e mallar o igual que se facía tradicionalmente, preparando a palla e gardándoa no palleiro para a celebración”.

 

 

 

O programa do 2025

“A maior innovación é continuar facendo a festa o vello estilo tradicional polas dificultades que entraña e o traballo arduo que comeza un ano antes (sementa, sega, carrexa, malla)”, acostuma dicir a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

Por iso, neste ano, a celebración seguirá o seu esquema habitual: a partires das 19:15 h dependendo da claridade do día, comeza a procesión cun San Sebastián de palla, seguido do gran fachón, de nunca menos de 30 m de longo. Detrás, os máis de 500 Fachós individuais que o Concello pon o dispor dos participantes, todo elo acompañado da música de charanga e tradicional.

A procesión sae do adro do Santuario dos Remedios e percorre a noite caldelá a través das empinadas rúas da zona antiga, dando a volta o castelo que preside a vila, todo elo en completa escuridade a excepción da iluminación ornamental do Castelo. O remate do percorrido os restos dos Fachós deposítanse nunha gran fogueira que se atopa na entrada do Santuario e comeza o aspecto gastronómico e musical.

 

 

Os chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, o pan artesán de forno de leña, o viño da D.O. Ribeira Sacra e unha monumental “queimada” dan o toque final a esta festa. Como cada ano contarase coa música de charangas e de grupos tradicionais.

A novidade para esta edición foi a creación dun vídeo sobre a semente, sega, acarrexa, malla e Festa dos Fachós que se reproducirá de forma permanente no Museo dos Fachós, sito no castelo. Do cal se fará inauguración próximamente.

A ledicia, a participación da xente da bisbarra e visitantes, o compañeirismo e bo humor será o xeito de celebrar os Fachós 2025.

Fotos: Arquivo Carlos G. Hervella.

Back to top button