
O Consello da Xunta de Galicia vén de acordar a creación e cualificación da Casa do Chocolate de Teimende, en Parada de Sil, como Colección Museográfica Casa do Chocolate de Teimende, segundo o disposto nos artigos 4 e 13 da Lei 72021, do 17 de febrero, de museos e outros centros museísticos da Comunidade Autónoma Galega. A aprobación tuvo lugar no Consello celebrado polo Goberno galego o pasado 27 de decembro de 2024, que supón a conseguinte inscrición no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia e a integrarse no Sistema Galego de Centros Museísticos por resolución do 30 de decembro pasado.
“A creación e cualificación como colección museográfica da Casa do Chocolate de Teimende supón a posta en valor dun patrimonio de carácter industrial singular, tanto pola súa temática, ao tratarse da elaboración dun produto de luxo na alimentación da época na que funcionou a fábrica, como pola sua ubicación no medio rural, lonxe de núcleos de poboación que facilitasen a chegada de materias primas e distribución do produto”, tal e como se indica dende o Concello de Parada de Sil.
Para o Concello de Parada de Sil, así como para o Consello Asesor do espazo museográfico, a decisión da Xunta supón “o recoñecemento do traballo levado a cabo nos últimos anos, así como un espaldarazo para impulsar novos proxectos e iniciativas de futuro vencelladas ao mundo do chocolate e con distintos ámbitos da cultura, cos que estamos comprometidos”, segundo apuntan o alcalde, Aquilino Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Francisco Magide.
O camiño iniciouse no ano 2013 co acordo de cesión da vella fábrica de chocolate da familia Casares e a maquinaria da mesma, que abriu as portas público no ano 2015, despois dos traballos de rehabilibación levados a cabo polo concello. O recinto converteuse moi pronto nun espazo vivo avalado pola afluencia de público, que en datas punta chega a rexistrar máis dun milleiro de visitantes ao mes.
A consolidación e mellora do proxecto callou o 8 de marzo de 2023, coa creación do Consello Asesor, integrado polo alcalde, concelleiro de Cultura, dous representantes da familia propietaria do ben inmoble e a sua maquinaria, xunto co profesor e escritor Delfín Caseiro Nogueiras. Xustamente a aportación documental deste órgano e nomeadamente do propio Caseiro, xunto coas achegas e asesoramento do persoal técnico da Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos de Galicia, “foron as que permitiron rematar con éxito este proxecto, volcado na idea de facer comunidade e contribuir á mellora socioeconómica do territorio e da comunidade na que está imbricado”, segundo o Concello. A casa de Chocolate conta tamén coa Certificación Q de calidade Turística.