
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuníase esta mañá co tenente coronel Rafael Berguillo, tras a recente adxudicación definitiva de destino como xefe da comandancia da Garda Civil de Ourense. Na reunión abordaron asuntos de interese relativos á seguridade na provincia, así como á optimización dos efectivos e as melloras nas infraestruturas da Comandancia que se están a acometer.
Rafael Berguillo, natural de Cádiz, estaba a ocupar de xeito interino o cargo de xefe da Comandancia. Anteriormente ocupara, nesta nesma Comandancia, a responsabilidade de xefe de Operacións, Policía Xudicial e Información.
Previamente ao seu traslado a Ourense, no ano 2022, prestara servizos na Comandancia de Pontevedra, á fronte do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS). Tamén foi capitán do Sector de Tráfico en Castela e León e na Escola de Tráfico de Mérida e como tenente, no Equipo contra o Crime Organizado nas Illas Baleares. No seu historial profesional destacan actuacións no estranxeiro, en Francia, Italia, Alxeria, Honduras, Portugal e Alemaña.